Un mundo que empeza entre Cuntis e o estradense Val de Vea, cando o doutor Seixo, pai do Marcos, sálvame a vida, ao nacer antes de tempo na casa, no lugar das Casas do Monte. Na actualidade traballo en Bruxelas para o BNG, para Galeuscat no Parlamento Europeo e para o partido político europeo Alianza Libre Europea (ALE). O meu traballo cínguese, dende hai xa uns anos, á política europea e a internacional e en especial todo o referente ás migracións. Levo máis de dez anos en Bélxica, dende 1997, cando cheguei a estudar Dereito Europeo e Internacional e traballar de au pair en Louvain-la-Neuve para financiar esa formación. Aquí naceu miña filla, que xa pasou a importante barreira do lustro e ambas vivimos no multicultural barrio do Matongué, mundo africano-europeo no cerne mesmo da Europa política, tamén moi perto da nosa familia de Bruxelas, Xavier Queipo e Ce Tomé.
A miña paixón é coincidente co traballo, e é a politica, como acreditan nove anos de traballo entre bambolinas, e perante unha situación inxusta, non teño inconveniente en ir de fronte para defendela ou presentala onde, cando e diante de quen sexa, sen complexos e na lingua que cumpra.
Como tantas outras mulleres teño que me autoorganizar, porque a conciliación para min, aquí, é un paquete único, sen posibilidade de escolla. Sen moito tempo de lecer, son moi consciente de que a miña humilde cooperación tamén é necesaria fóra da casa.
Vivo conectada de forma permanente. Divido o día en dous, nas horas de traballo, Galiza-Europa. E despois, cando as lecturas dos contos á doce belgalega rematan, empeza o traballo co resto do mundo, en especial con América Latina, nunha dupla xornada voluntaria, como se fose un reloxo de dúas esferas. Non teño mesas camillas na casa, só unha sinxela mesa cadrada, cun portátil cheo de terminais humanas que leva a un país virtual, unha nación comunicada que vive fóra, que se conecta cada día, cadaquén no se fuso horario e todos/as no momento: a nación da diáspora. E a existencia real da Galiza Global, este termo novo que definimos hai dous anos un grupo de xente amiga en Barcelona. Perto, lonxe. Que é hoxe perto e lonxe? Cada dia falo dende Bruxelas con lugares distantes, con comunicación directa esquecendo o sentido destes adverbios, neste mundo xa non podemos medir cos mesmos parámetros que hai dez anos, por exemplo. Teño a oportunidade grazas á xente que confia neste traballo, tanto no BNG, na Fundación Galiza Sempre e na ALE, de poder desprazarme por motivos laborais a moitos lugares do mundo, escoitar, participar, aprender, ser testemuña, e por iso non me gusta fallarlle a ninguén e asúmoo con moita responsabilidade. Considero que é preciso en Galiza ampliar a conciencia internacional, que debe ser máis profunda neste mundo que nos toucou no que xa non podemos ser alleos/as, estranxeiros/as, indiferentes nin neutrais.
Aproveitarei este recuncho para trasladar algunha vivencia, análise ou pensamento nestes intres diarios que me gustaría compartir, se for de interese para quen está a ler. Ollos e voz, de realidades ou situacións vividas ou comúns, en especial da xente sen voz. Fago os problemas meus e ás veces gustaríame poder facer máis, a ver se esta canle nos axuda. Oxalá cheguen.