Mar Barros . A Nosa Terra visita Cans, quince días antes de que se celebre a V edición do Festival de Curtametraxes. A parroquia porriñesa saltou á fama pola orixinalidade dunha proposta que muda limusinas por chimpíns e salas comerciais por alpendres e adegas
Do 21 ao 24 de maio Cans saca a alfombra vermella para recibir a quinta edición dun dos festivais máis desenfadados do calendario audiovisual do país, unha cita xa habitual cos rostros máis coñecidos da TVG, que ten deixado de ser neste tempo unha anécdota friki para convertese en todo un referente do Estado no que a películas de curta duración se refire. No almacén que garda os ferranchos dun ano para outro, un baixo ao carón do bar Moncho, Silvino González Bacelo, reloxeiro e albanel xubilado, elabora as oito pantallas nas que este ano se proxectarán, ante un aforo que ascende a máis de 600 espectadores, a selección de curtas. (Reportaxe completa na edición en papel de A Nosa Terra)
Adega de Serafín Pedreira, lugar de proxección no Festival de Cans. Paco Vilabarros
A orixinalidade da proposta comprímese nunha soa palabra: ‘agroglamour’, é dicir, reivindicar o propio facendo burla ademais dos fastos dos grandes festivais internacionais. Nesta volta do ‘concepto’, citando a un dos actores incondicionais de Cans, o festival muda o luxo das salas pola atmosfera enxebre dos alpendres e a elegancia das limusina pola funcionalidade dos chimpíns.
Pero, que hai detrás dos bastidores? Quen leva a cabo a metamorfose? E, o que é máis importante, como se consegue que unha parroquia de apenas uns poucos centos de veciños multiplique exponencialmente durante o día grande da festa a súa poboación e se converta no centro de todos os obxectivos?
“Isto faise con moita alegría” explica Alicia co mandil posto, atarefada cos preparativos do seu alpendre e cos ovos das súas galiñas. Alicia é a propietaria dunha das salas emblemáticas do festival, o ‘Jalpón friki’. Con alfombra azul na porta, a sala acolle as propostas máis atoladas e irreverentes dos últimos anos. Polo seu compromiso co festival e a súa colaboración incondicional, Alicia recibirá este ano o premio Chimpín de Plata, xunto con Miguel de Lira.
Ela foi unha das veciñas que o pasado 10 de maio acudiu ao torreiro de Cans para axudar aos membros de Arela, a asociación que botou a andar en 2004 o festival e persiste no intento, cos preparativos.
“É unha cousa moi boa para Cans e moi bonita”, comenta Alicia e que lle está a dar moito pulo á parroquia. Ademais do alpendre, esta veciña xa xubilada cede durante uns días a finca na que se celebra a sección “Conversas na leira”, que este ano será pisada por Juanma Bajo Ulloa. Pero a ela prefire aos Tonechos. “Xa viñeron os anos anteriores” explica “estiven falando con eles e prometéronme que me ían traer unha cinta”. Alicia ten un fillo en Venezuela e gústalle que vexa o que hai por aquí e o que poñen na TVG. “Pero non son moi cumpridores, aínda estou esperando por ela” ri.
Se o festival de Cans se converteu neste tempo nunha cita ineludíbel para moitos afeccionados ao cine, débello en boa medida aos veciños da parroquia. Dunha maneira ou doutra, todos colaboran para que esta quinta edición sexa igual de perfecta que as anteriores. Así, mentres Alicia supervisa a carretilla que traslada os trebellos do seu galpón para colocar os taboleiros que farán máis tarde de asentos, outros fregan nos cortellos e fan as pantallas.
Pantallas feitas a man
Mentres mide os listóns de madeira para proceder ao corte, este fillo de reloxeiro fala da súa vida como emigrante en Francia e da súa participación na cita. A pesar de que ao principio puidese ficar sorprendido pola proposta extravagante de Alfonso Pato, o director do festival, asegura colaborar de moi boa gana nos preparativos e gozar moito levando á xente dunha sala á outra, cambiando as patacas e o millo na carga, por unha turba desaforada. Silvino González é un dos condutores oficiais da flota de chimpíns, símbolo do festival e medio de transporte por excelencia da parroquia durante un día ao ano. El encárgase tamén de adornalo.
Con lámpada de seu. O primeiro ano, o alpendre de Alicia non tiña luz de seu. Entón, foi necesario dotala de enerxía por vías alternativas para poder visionar películas. “Ao ano a seguir xa lle dixen a Pato que iso non podía seguir así de ningunha maneira”, comenta Alicia. “Chamei ao electricista, quitei unha luz dunha habitación e, dende aquela, o galpón conta con electricidade”.
Non sabe como se lle ocorreu a idea do festival a Alfonso Pato pero a parroquia “débelle moito”. Mentres fala, a súa ollada está atenta ao ir e vir da carretilla, que non deixa de traer e levar caixas.
Máis arriba, subindo o torreiro, algúns dos membros de Arela afánanse en colocar todo o necesario na bodega de Serafín Pedreira. A pantalla irá colocada sobre unha parede completamente ennegrecida, xusto enriba da leña estivada. Como explica un dos membros de Arela, téntase alterar o menos posíbel. A casa de Pedreiro ten sona polas súas matanzas do porco, unha das máis animadas da comarca. Como el mesmo explica, deixa con moito gusto as chaves da súa bodega para que nela se pasen curtametraxes, aínda que este tipo de películas non lle fagan moita graza.