Redacción . Os membros da Organización de Estados Americanos (OEA) decidiron darlle un ultimato ao Goberno interino de Honduras para reinstaurar a democracia nun prazo de 72 horas. De non ser así, o país caribeño quedará fóra da OEA.
"Basicamente a decisión á que chegamos é a condena clara do golpe militar", advertiu hoxe o secretario xeral da OEA, José Miguel Insulza en conversación cos xornalistas á saída dunha reunión na sede do organismo. "Se en 72 horas non se restaura a democracia, a asemblea (...) reunirase de novo para suspender Honduras", asegurou Insulza. "O prazo cúmprese o sábado", dixo, para rematar subliñando que “os golpes non se van aceptar". Segundo recolle elEconomista, Insulza explicou que os chanceleres e embaixadores reunidos no 37 período extraordinario de sesións da Asemblea Xeral da OEA chegaron a un consenso sobre "a condena absoluta do golpe militar, o rexeitamento do goberno constituído sobre a base dese golpe militar, a esixencia de que se recoñeza a Zelaya como presidente lexítimo de Honduras e que sexa restituído ao seu cargo". O secretario xeral da OEA dixo que, en función da resolución que finalmente adopte a Asemblea Xeral e baixo o artigo 20 da Carta Democrática Interamericana, deberá realizar as xestións diplomáticas para tratar de resolver a crise. Se o Goberno do novo presidente Roberto Micheletti desoe o ultimato da OEA, entón o organismo rexional procederá a aplicar o artigo 21, que prevé a suspensión de Honduras, coas consecuentes repercusións económicas e de illamento diplomático.
Partidarios de Micheletti nas rúas de Tegucigalpa
Descargar Tarifas