Redacción . A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, asegura que vai renunciar a apoiar a dobraxe de películas ao galego para potenciar este idioma en internet e outras plataformas de contidos. Nunha resposta parlamentaria ao BNG, a responsábel do departamento autonómico di que 'o reto do galego non está nas salas de cinema senón nas televións e teléfonos móbiles'.
Para o deputado do BNG Bieito Lobeira, quen preguntara por que non se dobrou ao galego o filme Indiana Jones e o Reino da Caveira de Cristal, a apertura de novos camiños para o galego en ámbitos como as plataformas de contidos é "unha boa noticia". Con todo, advertiu de que "isto non debería supoñer en ningún caso o abandono dos dereitos lingüísticos dos espectadores de cinema" no noso país". Sinala que isto incumpre os obxectivos do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade no Parlamento hai catro anos (que obriga a dobrar cando menos dez filmes ao ano), e salienta que, malia perderen público, as salas de cinema seguen sendo "un bo escenario para dignificar o idioma" Política Lingüística alegou razóns de mercado e, en concreto, do "prezo esixido" para as dobraxes. Afirma que asumir estes gastos é "inviábel" para a Administración e que só é posíbel cando "as produtoras mostran un compromiso co proceso de normalización lingüística". Así e todo, a secretaría xeral asegurou que "seguirá insistindo en solicitar apoios" para a dobraxe. No ano pasado, seis películas puideron verse en galego nas salas comerciais. Para o departamento que dirixe Marisol López, "o reto do galego non está nas salas de cinema, senón nas televisións e nos teléfonos móbiles, as dúas plataformas que no presente, e cada vez máis de cara ao futuro, distribúen máis contidos audiovisuais a un número maior de persoas". A nova estratexia é, xaque logo, desviar "a medio prazo" as liñas de acción en apoio ao galego no audiovisual das salas de cinema e do DVD a internet e ás plataformas móbiles. Entende que así o investimento será máis rendíbel, ao conseguir un maior número de produtos de calidade e éxito comercial.
Marisol López, secretaria xeral. Pepe Ferrin/AGN