Manuel Vilas . Os deputados do BNG e do PSdeG botaron abaixo unha proposta do PP para declarar 2009 como 'Ano de Lectura' e investir máis cartos no fomento desta actividade. Os grupos parlamentarios que apoian o bipartito acusaron ao PP de presentar unha proposta sen contido, co fin de para atacar á conselleira de Cultura.
De feito, o voceiro conservador neste eido, Ignacio López Chaves, dedicou a maior parte da súa intervención a criticar a presenza galega na Feira Internacional do Libro da Habana no lugar de presentar a súa iniciativa.
López Chaves ignora o galego
Usando unicamente o castelán, López Chaves demandou até nunha ducia de ocasións as facturas da expedición da Xunta. Tamén dixo que a conselleira Ánxela Bugallo "prefire gastar os cartos en pagar vacacións no Caribe que en aumentar os índices de lectura".
Dende o BNG, Xosé Ramón Paz Antón , respondeulle que a súa proposta era “catastrofista” e que “o investimento do actual goberno neste eido é moi superior ao do anterior executivo”. O parlamentario argumentou que aumentar os índices de lectura en Galiza –o país está a cola das autonomías neste ámbito- é un obxectivo que só se pode conseguir a medio prazo.
Praza das letras
Con todo, Paz Antón indicou que no país existen 116 concellos sen bibliotecas públicas. O deputado nacionalista destacou que a Xunta lanzou nos últimos tempos medidas a favor da lectura, como o Plan de Fomento do Libro e da Lectura, o Observatorio da Cultura Galega e a web sobre o sector editorial Praza das Letras.
Postura socialista
O representante socialista, Francisco Cerviño, destacou os “incrementos espectaculares” de investimentos neste eido. En particular salientou a aposta da Consellería de Educación polas bibliotecas nos centros educativos, cuns investimentos que aumentaron –segundo os seus datos– un 3.200%.
López Chaves acusou á Xunta de aprobar un Plan de Fomento do Libro e da Lectura sen orzamentos. O popular pediu que se gastasen máis cartos públicos na promoción editorial en Galiza e menos en feiras internacionais.