Redacción . Edicións do Cumio acaba de publicar un libro-CD froito da unión entre once poetas galegos de todos os tempos e quince grupos da escena musical actual.
Once máis 15 século e medio de poesía, dende o Rexurdimento até os nosos días: poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Antón Lopo ou Daniel Salgado convértense en cancións a través de diversas técnicas e estilos: electrónica, pop, rock... Por outra banda, no libro podemos ler os poemas orixinais e coñecer máis de preto os grupos que se inspiraron neles, por medio de breves presentacións e fotografías. A iniciativa parte da asociación MusicArte, coordinada polo músico Miguel Alonso, co fin de servir como mostra do fecundo panorama musical galego, que bota man do xénero máis prolífico das nosas letras para recuperar ou recoñecer as súas palabras. Na páxina web de Edicións do Cumio xa podemos descargar un capítulo. Zimmer103, Miguel Alonso, Ataque Escampe, Miguel A Suárez, Xurxo Mares, Fanny e Alexander, Anxo Rei, Roberto Sobrado e banda, Snail, Meiga do Norte, Julian Ross, David Taboada, Elanor, Fucoxabier e Nao reinterpretan a Alfonso Pexegueiro, Álvaro Cunqueiro, Antón Lopo, Celso Emilio Ferreiro, Daniel Salgado, Darío Xohán Cabana, Grupo Rompente, Luis Pimentel, Manuel Curros Enríquez, Manuel María, e Rosalía de Castro.
Miguel Alonso interpreta 'Nos teus ollos', de Álvaro Cunqueiro
Descargar Tarifas