PUBLICIDADE
Mércores, 08 de outubro de 2008
Suárez Canal, conselleiro de Medio Rural
'Podemos responder á crise alimentaria'

Xan Carballa A importancia dos incendios en 2006 condicionou a percepción dunha consellaría que nestes tres anos marcouse a meta de revalorizar o campo e o monte galego como riqueza. O conselleiro Alfredo Suárez Canal fai balance deste período de xestión política,'disposto a sometelo a escrutinio público'.

Reloxo 19.07.2008 | 07:39
  • 'Funcionariamos mellor con máis competencias'

alfredo suárez canal alfredo suárez canal. AGN Esquerda   1 / 2  Dereita  

Poucos países en Europa tiveron unha transformación do rural tan forte nun prazo de tempo tan curto. A realidade do abandono parecía imparábel. Detívose, reconsiderouse socialmente o valor da actividade rural?

Os cambios na psicoloxía colectiva non son fáciles. O despoboamento do rural ten tintes demográficos e pola miña formación de matemático sei que cando un problema social se converte en demográfico, e non hai un impacto asimétrico externo (sexa unha peste, unha inmigración masiva ou unha guerra) o problema prolóngase por décadas. É difícil mudar tendencias de moito tempo, pero empézase a percibir outro clima, sexa na incorporación de mozos ou en novos proxectos. O propio dinamismo sindical no sector indica que algo importante se está movendo. Por exemplo, hai preocupación mundial coa produción de alimentos, e a xente sabe que Galiza ten unhas grandes potencialidades e hai bases para poñelas en función. Iso é o inicio do cambio de tendencia.

Outro dos tabús que se consideraban insuperábeis era a idea de que a propiedade da terra impedía unha agricultura competitiva. A proposta do Banco de Terras non parece que provoque tantos problemas.

De entrada foi unha lei moi laboriosa de facer e precisou moito rigor social. Aprobámola en 2007 e até que pase un tempo non a teremos a pleno rendemento. Daquela poderemos dirixirnos á xente con leiras sen aproveitamento para estimular o seu uso. Vexo que hai moita demanda de terra dos que queren seguir no sector, pero tamén se ve xente que quere que lle poñan en produción leiras que están abandonadas. Desde este mes xa está a lei en pleno funcionamento e desde o outono vai ter unha progresión xeométrica. Debemos aspirar a que todas as terras cultivábeis estean a pleno rendemento en catro ou cinco anos.

A volta da mocidade ou a permanencia no campo, era outro obxectivo inicial. Cal é o balance pasados estes tres anos?

Nalgúns sectores, como o lácteo, deuse un salto moi importante. Pero partiamos de anos e anos de marchar e se a final da lexislatura hai unha incorporación neta de miles de persoas marcamos unha tendencia para o futuro. O que non muda é a idade da xente. Cando chegamos a pirámide de poboación marcaba 60/65 anos e agora ten tres anos máis. Quero dicir que só cos anos se poden ver os resultados e ademais van máis alá da política dunha única consellería.

Límites comunitarios.

A efectos de produción, en particular, as interferencias e os límites da política comunitaria en materia agraria son insalvábeis?

Xa dixemos cando nos pronunciamos sobre o chequeo médico da PAC, que hai cousas desa política agraria común que non nos gustan. Pensamos que debe haber mecanismos de regulación referidos a alimentos de primeira necesidade, máxime co que estamos vendo no mundo, pero na Unión Europea vaise en dirección contraria. No caso do leite non nos gustaba o escenario que se deseñaba, sen equilibrar oferta e demanda. O sector lácteo galego fixo un esforzo enorme para adaptarse, demostrando que quería manter a a actividade e soubo como facelo nesas novas circunstancias. Agora a UE quere mudar o escenario. Se quere facelo en 2015 todo o mundo ten que estar nas mesmas condicións de saída. Gustaríame ter máis competencias para decidir políticas sobre sectores con moito potencial, pero aínda que traballemos en mudar as limitacións impostas, de entrada temos que respectalas. Apostamos, coas competencias que temos, na sustentabilidade, na permanencia, por alimentos de maior calidade e por darlle máis valor á terra. Pero camiñamos condicionados, hai que dicilo.

No caso do leite, acadouse o contrato homologado, pero hai unha aspiración con máis de vinte anos de constituír un Grupo Lácteo Galego. Volveuse falar agora del a conta do concurso eólico e os proxectos industriais aparellados.

Todo o protagonismo que poda ter Galiza en materia alimentar é desexábel, tamén porque é unha columna vertebral do país. Cando chegamos á Xunta as dificultades no sector lácteo eran patentes, con só dous grupos que decidían en Galiza (Feiraco e Leite Río), pero co 75% do leite que se producía ‘gobernado’ por empresas de fóra. O asunto require sedución e tempo pero tamén que haxa xente disposta a apostar. No goberno traballamos nesa dirección pero non hai noticias novas e só se conseguimos resultados se farán públicos.

Biocombustíbeis ou alimentos.

Fálase de seguridade alimentaria cara o futuro, pero tamén de biocombustíbeis, de transformar alimentos en enerxía. Cal é a posición da consellería e que políticas vai seguir?

Mentres haxa fame no mundo calquera decisión que teña que ver con alimentos para os humanos ou o gando, hai que tomala con moita prudencia. De entrada non somos partidarios: mentres haxa problemas de alimentación a investigación en biocombustíbeis ten que ser para aproveitamento das biomasas, sexan forestais ou de subprodutos doutras actividades.

Houbo xa iniciativas para biomasa forestal.

Acabamos de aprobar un decreto para instalar cinco plantas para biomasa forestal residual. Pero con prudencia. Sendo necesaria a madeira para diferentes usos, non podemos, pensando en rendementos a corto prazo, usar a madeira para producir enerxía. No monte galego hai moita masa residual primaria que se pode usar para enerxía ou calor, e para iso temos esas cinco plantas con limites precisos, para que actúen de regulador. Aspiramos que co tempo sirvan tamén para eliminar tantas queimas incontroladas.

De 2006 a hoxe estamos máis preparados para facer fronte aos lumes forestais.

Máis preparados estamos, pero hai cousas que non controla nunca totalmente ningún goberno, que é a actividade do home. Podemos garantir a persecución policial e xudicial pero sempre que hai intención de queimar non podemos evitalo ao cento por cento, a maiores de que o clima cree condicións de máis difícil control. En todo o demais, construíndo sobre o que había, fixemos melloras moi relevantes. En limpeza, prevención e roza, sen esquecer que temos 2 millóns de hectáreas de monte, e aínda que hoxe se ve en vías de comunicación e en zonas periurbanas, segue habendo moita biomasa forestal. Melloramos mando, estrutura, medios humanos e materiais, coordinación cos concellos, pero hai variábeis que nos obrigan a estar sempre en alerta máxima.l

'En tres anos non podíamos facer máis'

A respecto da xestión do Medio Rural, pensa que as bases do BNG entenden o ritmo dos cambios que están a levar?


Haberá que preguntarllo ás bases. Non podemos pensar que Galiza é unha illa. Temos tamén múltiples condicionantes (prezos do petróleo, dos cereais,...) que nos afectan. pero estes tres anos en normativa, en modelo e en políticas para o futuro serán un punto e aparte. Algunhas cousas ímolas vendo e outras teñen un horizonte máis afastado. Os ritmos sempre admiten opinións, pero coñecido desde dentro o funcionamento da administración e o traballo inxente que había era difícil facer máis nestes tres anos. Estou disposto a someter ese balance a xuízo.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Preguntoiro, 9 - 1º esq. 15704 Compostela
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil