Redacción . A Asociación Cultural Fala Ceibe do Bierzo reclámalle á Junta de Castela e León e ao Consello Comarcal do Bierzo que inclúa formación de lingua galega nas súas webs oficiais.
Xabier Lago Mestre, presidente de Fala Ceibe no Bierzo. partidodelbierzo.org
A entidade asegura que cada vez hai máis rapaces que queren estudar galego na comarca. Fala Ceibe entende que este aumento da demanda non se está a acompañar cunha maior oferta, especialmente no eido das novas tecnoloxías.
Así Fala Ceive pediulle tamén ao Consello Comarcal do Bierzo que inclúa un curso de lingua galega na súa nova web www.aulabierzo.com. Asemade reclámalle á Junta de Castela e León que incorpore un curso de galego na súa web educativa www.educa.jcyl.es .
A asociación denuncia que a implantación do ensino do galego no Bierzo ten aínda carencias. "A nivel territorial seguimos demandando que se oferten clases desta lingua nos colexios da Veiga de Valcarce, Carracedelo, Quilous, A Veiga de Espiñareda, Fabeiro, entre outros centros" da zona occidental do Bierzo e Ponferrada.
Fala Ceive entende que a dirección dos centros educativos non pode ter a decisión final sobre a oferta ou non da materia da lingua galega. "Se hai petición de galego, por parte dalgún pai, nai ou alumnado débese ofertar automaticamente esa materia no curso escolar no que se demande" argumenta o colectivo.
"Estúdase galego porque se quere continuar a carreira académica en calquera das 3 universidades de Galicia, cos seus sete campus universitarios noutras tantas cidades, tamén por razón das oposicións á Xunta de Galicia, Sergas". A asociación recorda que "sempre será mellor traballar en Galicia, a uns quilómetros do Bierzo, que non en Barcelona, Madrid, Valencia, Zaragoza, por centos de quilómetros".
"Outros bercianos desexan coñecer a lingua da súa familia e dos seus veciños para facilitar a comunicación interxeracional e saber máis da cultura e a lingua" da parte occidental do Bierzo, continúa.
Para o colectivo, "o coñecemento do galego permite acceder mellor aos variados contidos presentes nos medios de comunicación" galegos, así como a actividades de lecer.