PUBLICIDADE
Sábado, 04 de xullo de 2009
Perseguidos por defenderen o galego
 15.10.2008 | 12:33

A persecución do idioma galego inclúe tamén, como é lóxico, a quen o defende na práctica. Neste caso, unha organización social conformada por milleiros de socias e socios, actuante desde hai xa 22 anos, e denominada Mesa pola Normalización Lingüística.

Importante e meritoria traxectoria para unha entidade que ten a súa razón de ser na defensa dos dereitos democráticos (lingüísticos) individuais e colectivos do pobo galego. Canto traballo, canto sacrificio, canto esforzo, ten realizado A Mesa ao servizo de tan nobre causa desde 1986, que ademais provocou resultados prácticos beneficiosos para o noso idioma, para a conquista de novos espazos de uso, para a sensibilización social en materia lingüística, e mesmo para a propia saúde democrática da nosa nación, en termos de autoestima colectiva e dignificación do propio, do noso, comezando pola lingua. Ese, e non outro, é o “problema” da Mesa pola Normalización Lingüística. O que máis lles doe aos seus detractores.

O PP presentou recentemente iniciativas no Parlamento de Galiza que criminalizan esta organización social. Que coinciden no tempo con outras propostas tan fascinantes e democráticas como as de abrir espazos en español na Televisión de Galiza, modificar a Lei de Normalización Lingüística para legalizar topónimos deturpados, defender a tese de que o español é idioma propio do país e que, á inversa, o galego está imposto na Galiza, ou mesmo a prohibición de uso oral ou escrito do uso de “Galiza” para denominar a nosa nación (Proposición non de lei con nº de rexistro 29947). E así sucesivamente. Agora tócalle á Mesa. Comezou o PP, e súmanselle agora círculos concéntricos que compartillan a eliminación da nosa cultura e idioma nacionais. Tamén dende Madrid. Moito desfrutei –confeso– lendo o xornal El Mundo estes días:

Los miembros de la Mesa acostumbran a visitar los comercios para requerir información”(sic)

Entre los perseguidos por la Mesa se encuentra una anciana dueña de una lavandería” (sic)

Mais tamén hai quen, desde unha perspectiva aparentemente neutra, pretenden asociar, interesadamente, a Mesa (nun extremo), con colectivos (noutro extremo) residuais, socialmente irrelevantes e ideoloxicamente fascistas, antigalegos. Manteñen así unha “equidistancia” que en realidade traduce o interese por manter o actual estatus do galego como lingua minorizada e secundarizada, malia ser o idioma propio do país e de uso maioritario na poboación. Se cadra, porque así poñen en valor as célebres palabras do rei de España, Juan Carlos I, pronunciadas en Abril de 2001 nos actos de entrega do Premio Cervantes: “A nadie se le obligó nunca a hablar castellano”.

Afortunadamente para a nosa nación e a súa lingua, A Mesa é unha realidade consolidada cunha práctica social solvente e consecuente. Prefiro non imaxinar cal sería a situación do noso idioma sen plataformas sociais coma esta. E quero transmitir desde aquí toda a miña forza e apoio aos perseguidos e perseguidas por defender un idioma tamén perseguido. Moito ánimo!

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario. Grazas pola súa participación.
 
© 2009 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río