Redacción . A segunda mesa de debate da Feira das Artes Escénicas centrouse en analizar os novos formatos escénicos. O acto serviu para poñer en común as diferentes fórmulas de integración das linguaxes máis contemporáneas e anovadoras nas carteleiras teatrais.
Os directores artísticos do Teatro da la Laboral de Xixón, Mateo Feijóo; do Festival ALT de Vito, Lola Correa, e dos Teatros de Cádiz, Pepe Vélez, participaron na mesa redonda moderada por Arantza Villar, actriz dos grupos galegos Nut Teatro e Chévere. Na mesa de debate sobre programación de novos formatos os relatores compartiron cos asistentes distintas experiencias que se desenvolven dende os seus respectivos centros de traballo e defenderon a permeabilidade dos teatros aos proxectos desenvolvidos polos novos creadores. Tamén mencionaron a importancia da xestión de públicos diferenciada segundo o tipo de propostas que se programen. O programa da Feira Galega das Artes Escénicas culmina hoxe cos últimos seis espectáculos en cartel: O Castelo da Rocha Vella, de Os Monicreques de Kukas xunto á Real Filharmonía de Galicia; Rúa Aire, de O Retrete de Dorian Gray; Atra Bile, de Teatro de Ningures; Palabras encadeadas, de Talía Teatro; O xogo de Yalta/Afterplay, de Teatro do Atlántico, e A Esmorga, de Sarabela Teatro. Hoxe tamén se celebra o último showcase de danza, no que os integrantes da compañía Entremans Kirenia Martínez e Leodán Rodríguez interpretarán a peza A medio metro de lo vivido. A actividade comercial continuará até o venres na zona de mercado instalada no Auditorio de Galiza, onde se poden visitar os stands de 16 asociacións e empresas escénicas galegas.
A mesa de debate celebrada onte na XVII Feira das Artes Escénicas.
Últimas funcións
Descargar Tarifas