Xosé Manuel Eyré . Dez relatos que parecen unha novela. Universo pechado en cada historia, mais federado cos outros contos.
Para seguir bailando Autor: Francisco X. Fernández Naval. Edita: Xerais. Está xa na rúa a nova achega de Francisco X. Fernández Naval, que neste caso escolleu o formato da narrativa breve. Os dez traballos de que consta este título deixan ben claro o dinamismo deste formato narrativo, ou, o que é o mesmo, patentizan a ansia de liberdade das ataduras xenéricas por parte do autor. Se o conto se entende como o despregamento dunha estrutura pechada na cal o narrador sabe, cando inicia a narración, como vai ser o seu remate (fronte ao relato, no cal as fronteiras, tanto de inicio como de peche, se manteñen abertas), aquí o autor demostra un absoluto dominio da historia contada, mais deixa a porta aberta para que o lector non o interprete así senón como un fragmento de realidade. Algo así como os elos dunha cadea. Cada un deles representa unha estrutura autónoma e pechada, mais todos forman parte dunha macroestrutura con sentido propio. Mesmo non sería raro pensar que Para seguir bailando é unha novela, unha novela fragmentaria sobre o noso tempo. Pois a sucesión de elos, ou fragmentos ou relatos, tamén convida a esta perspectiva, sobre todo porque a sociedade retratada sempre é mesma. A vontade experimentalista está presente en todos os relatos, notándose máis nuns ca noutros e sobre todo a medida que se vai lendo, porén non é ese afán o que guía ao autor, porque a finalidade primordial é retratar a sociedade, unha sociedade en certa maneira intemporal mais que podemos moi doadamente identificar coa actual. Non de maneira casual o libro vén encetado por “Noite de pallabarro”, historia dos moradores dunha casa abandonada. Manuel Rivas ten razón en O lapis do carpinteiro, o que somos e o que facemos queda na memoria das cousas. Non se perda a dimensión da casa como metáfora. A obra continúa con “Noite de clorofromo” ou a dificultade para saber quen é quen realmente. “Contemporáneos I” recunca no abandono, é o relato de como o apicultor e a irmá foron quedando sos, relato que reivindica a natureza. Segue despois con “A vida secreta de L.”, agora é a figura da muller a que ben pode ser símbolo de Galiza, esa muller á que todos desexan e á que ninguén deixa decidir sobre o seu propio futuro. E, xa nun lugar medianeiro, chega “O escriba e o capitán”. Conversa entre un guerrilleiro e un escritor, que publicou unha novela sobre o mundo do guerrilleiro mais sen darlles voz aos guerrilleiros. Lembra a Xelamonite de Luís Paradelo, moito. Ao final dunha vida en contacto coa natureza, hai implícita unha filosofía política de amor ao país. Preciosas descricións. Narrado con moita habilidade. A segunda metade do libro chega con “Ovos de serpe”. Un tipo atopa cousas escritas na marxe dos papeis do traballo. Chegará a non saber se o que quere é esclarecer a verdade deste niño de intereses cruzados ou afondar no coñecemento de Vitoria, a secretaria. Ou as dificultades para establecer a verdade, cal verdade. “A noite de Ith” tráenos outra procura, as personaxes sempre andan á procura. Inma e Lestón desaparecen, os dous teñen relación coa Torre de Hércules, son vidas frustradas. Quizais decidiran unir forzas nunha procura común. Hai unha suxestión de asasinato tamén. Pode que Lestón fora asasinado. Entra en xogo quen escribe o relato, o ex de Inma. “Contemporáneos II” pon na mesa as angueiras do escritor que se sente como un ente dotado de entendemento, mais de mobilidade reducida, fascinado polo acontece ao seu redor, para el as palabras adquiren un valor que pode semellar sobredimensionado, mais que é o seu valor real. E nin el está libre da traxedia. “Margot e a noite”, así se chama o noveno relato, é unha celebración da vida, da vida no exilio, na que se fala de Rosalía de Castro, de cinema, dos corpos, de prendas de vestir, de relacións familiares, de relacións afectivas, de tango e noites, e de como nós somos as nosas circunstancias. Antecede ao remate, que chegará con “Para seguir bailando”; relato consistente nunha carta a unha cronopia ou a Julio Cortázar e o mundo do real, do fantástico e do cotián; tres mundos que tamén se mesturan no relato de Fernández Naval; a dimensión letresca da vida, que non podía faltar e xa viramos en “Contemporáneos II”. Como libro de relatos, a variedade é unha das súas características. Inclusive en canto á calidade da redacción, na que por veces se observan deficiencias, pouco coidado. E tamén como libro de relatos que é, ofrece dúas posibilidades lectoras: a de cada relato en si, lectura illada, e a de todos os relatos en conexión. Ningunha é mala, nunca unha lectura é mala, mais a primeira resulta deficiente, empobrecedora, e só a segunda se pode dicir que sacia todas as sedes, máis ben inicia ese proceso que, igual que no coñecemento de calquera de nós, nunca remata.
Francisco Fernández Naval
Descargar Tarifas