Lara Rozados . A autora estivo acompañada, onte á tarde na compostelá Libraría Pedreira, do editor Francisco Macías e do escritor Mario Regueira para presentar a súa segunda novela: Nadia, unha avogada que pasa por un momento de crise, serve como fío condutor entre a actualidade recente e mediados dos 70. O tema, tabú no sistema literario galego: a represión sobre o independentismo.
A perspectiva desde a porta presentouse aos Premios Xerais de Novela 2007, e non gañou por un voto. Con todo, despois foi complicado atopar unha editorial que a quixera publicar. "A nós tróuxonola, gustounos, e publicámola", afirmou Francisco Macías, de Positivas, quen tamén lembrou como Os milagres de Cristamar, de Chelo Suárez, tivo dificultades malia ser finalista do Xerais, e, até que gañou o Narrativas Quentes, non atopou editorial. Agora podemos lela tamén en Positivas. "É máis doado falar das mostruosidades das ditaduras que das das democracias occidentais" O risco da novela, segundo Regueira, é, por unha banda, a súa actualidade: está ambientada na chamada Operación Castiñeira, a persecución policial, contra finais de 2005, da mocidade independentista. Este período conecta co comezo da chamada transición, 1976, "o último momento en que os bos e os malos estaban máis definidos, como non pasa na actualidade". Regueira salientou que boa parte da narrativa galega contemporánea sitúase en contextos históricos en que é doado tomar posición, e con especial recorrencia a guerra civil. "Non implica ningún salto acrobático de ningún tipo. O que formula problemas pode ser un reto para a literatura. A incapacidade de formular un escenario político que vaia máis aló do 75 evidencia a incapacidade ou o medo de formular á comunidade de lectores ese xogo de matices, e, polo tanto, de espertar a súa conciencia", seguiu Regueira. "É máis doado falar cas monstruosidades das ditaduras que das que teñen lugar nas democracias occidentais, aínda que esas as vexamos un día tras outro". "Interesábame estudar as reaccións dos personaxes neste contexto" Pola súa banda, Patricia A. Janeiro, explicou como xurdiu a idea da novela. Lembrou o "circo policial" da Operación Castiñeira. Ela traballaba nunha empresa de aloxamento de páxinas web, e o xuíz dera orde de bloquear as webs dalgunhas das asociacións que estaba investigando. Apareceron doce axentes encapuchados da garda civil no seu traballo, e ao saír soubo das detencións indiscriminadas que tiveran lugar ao longo da xornada. "Levaran rapaces para a Audiencia Nacional, para soltalos seis días despois sen cargos, confiscarlles efectos persoais que nunca lles foron devoltos, ninguén lles deu ningunha explicación..." Iso incitou unha reflexión: "até que punto os xuíces poden actuar impunemente? Coma na prisión preventiva, botas anos na cadea antes de ter sequera un xuízo e saes sen cargos. Que pasaría se un día espertamos coa noticia de que se ilegalizou un partido, un sindicato, unha asociación, ou de que se pechou un periódico, como xa pasa noutros lugares?"
Francisco Macías, Patricia A. Janeiro e Mario Regueira.
Mario Regueira, pola súa banda, empregou o símil do trapecista que efectúa un triplo salto mortal sen rede para referirse ao valor da autora. "O feito que aparece de fondo" (da dificultade para atopar editora) "era que a novela trataba un tema incómodo, esquivado moitos anos na literatura galega: o independentismo galego, e nin sequera a parte que, como dixo Ferrín hai pouco, dorme dentro dos armarios dun gran partido, senón a que sofre directamente a represión política e ve recortados os seus dereitos sen ter a atención mediática necesaria para estabelecer un debate social serio".
"Falar dos presos é incómodo, pero calquera persoa, sexa soberanista ou non, sabe que é criminal que dous rapaces estean en prisión preventiva sen acusar, sen xuízo, un en Madrid e outro en León, afastados das súas familias, que é algo que vulnera a lei penitenciaria e a Constitución, e non é necesario estar de acordo politicamente con eles". Salientou como os medios de comunicación adoitan "mirar para outro lado", e, cando reparan na cuestión, é para "criminalizar".
Por outra banda, Janeiro escolleu o 76 porque "parecía unha data en que as cousas ían mudar, pero non: prestámoslle menos atención aínda a todos eses atropelos. Nunha entrevista a Javier Ortiz, hai tempo, falaba da época en que os medios querían dar a impresión de ser plurais. Agora nin se molestan". A historia de cada personaxe que conto é ficticia, pero podería ser real. "A min o que me interesa é quedarme coas reaccións dos personaxes, cos sentimentos e forma de actuar de cadaquén, que obviamente está condicionada polo seu contexto. Pero non quere ser unha novela histórica, nin realista, hai un contexto que marca as decisións dos personaxes. Quería incidir en como o que vén da chamada Transición segue operando agora, aínda que non queiramos velo".
Descargar Tarifas