Redacción . O colectivo galego regresa, sete anos despois, para levar o riso e o clown a Palestina e denunciar 'a continua e reiterada' opresión israelí.
Imaxe de Pallasos en Rebeldía
Iván Prado e Isaac Rodríguez Miranda emprenden esta caravana solidaria para impartir obradoiros de clown e risoterapia, ao persoal do circo palestino e aos traballadores e traballadoras , amais de realizar diversas actuación. Estarán en Ramallah, Qalqiliya, a zona vella de Xerusalén, Belén, Hebrón, Nablús, Xenín, Tulkarem e algunhas vilas, amais de nos campos de refuxiados, en escolas, centros culturais, sociais e xuvenís.
A estes dous clowns acompáñaos Laila Tillawi Quintela, que se encargará da tradución, e Eduardo Segurado, que tomará imaxes e rexistrará o paso deste "furacán riseiro" por terras palestinas. Pallasos en Rebeldía conta para este proxecto con financiamento de Coperactiva Cultural desde Galiza e a Escola de Circo Palestino, os Comités de Traballo para a Saúde, Human Supporters e a Asociación Addameer (que significa literalmente "Conciencia" e traballa cos presidiarios e ex-presidiarios, especialmente mulleres, nenos e fillos de presidiarios) en Palestina.
O director do Festival Internacional de Clown de Galicia, o Festiclown, Iván Prado, volve a Palestina logo dunha primeira viaxe en 2002. Daquela, a viaxe fora filmada e realizada posteriormente nun documental por Mikio Tsunekawa, titulado Media Luna Roja, diario de guerra de un payaso, un filme de produción catalá chilena e palestina.
Foi gravado principalmente en campamentos de verán organizados pola Media Lúa Vermella Palestina, dende os campos de refuxiados da Al-Arub, no distrito de Hebrón, até o outro extremo do territorio, entre outros lugares aos que levar risas e emocións.
Descargar Tarifas