Manuel Vilas . PP, PSOE e BNG coinciden en afirmar que é o galego o idioma que precisa máis protección. Os grupos discrepan na valoración das declaracións do valedor do Pobo, Benigno López
As declaracións do valedor do Pobo, Benigno López, nas que indicaba que o galego e o castelán debe recibir a mesma protección pola súa parte provocaron diversas reaccións dos grupos parlamentarios. Socialistas e nacionalistas comparten a idea de que é o galego a lingua que máis apoios necesita aínda que discrepan sobre as atribucións que lle corresponden ao valedor. O PP considera lóxico poñer á mesma altura os dous idiomas e defende os dereitos das persoas por riba dos dereitos das linguas. O deputado do PSdeG Francisco Cerviño considera que "a lingua discriminada neste país non é o castelán, é o galego, que está en retroceso”. Por iso lembra que o seu partido, responsábel da Secretaría Xeral de Política Lingüística, está a “facer unha política de discriminación positiva” a favor da lingua do país. Para o deputado do BNG, Bieito Lobeira, as declaracións de López obrigan os nacionalistas a "estudar se é unha persoa adecuada para ocupar este cargo”. Lobeira argumenta que “este tipo de declaracións inhabilitan ao Valedor a defender os dereitos lingüísticos dos cidadáns”. Na súa opinión, López ten unha idea do idioma limitada a unha “reliquia folclórica a conservar”. O parlamentario explica que o Bloque estudará o “exercicio real” que fai o Valedor do seu cargo antes de tomar medidas e lémbralle a López que “non hai ningún texto legal que fale da superioridade do galego sobre o español”. Cerviño non comporte que o Valedor estea inhabilitado para defender os dereitos lingüísticos dos galegos, como indica o Bloque. O parlamentario entende que o Valedor dea amparo a aqueles cidadáns que, a título persoal, recorran a este cargo para defender os seus lingüísticos, tamén se senten discriminados por falar en castelán. A deputada do PPdeG, Manuela López Besteiro, considera razoábel "pór os dous idiomas á mesma altura porque son cooficiais e todos temos o dereito a usalos e potencialos". Con todo, Besteiro recordou que o seu partido sempre apostou pola defensa do galego para que poida "defenderse coas mesmas axudas". Aínda así, advertiu que os dereitos lingüísticos son individuais e non se poden impoñer baixo ningún concepto. "As persoas están por riba das políticas", afirmou. A Mesa fala de prexuízos Callón anima o Valedor a volver a estudar o Estatuto de Autonomía, que sinala que as administracións teñen a obriga de promover a lingua galega.
Benigno López, valedor do Pobo.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, entende que as declaracións son mostra de “manifestos prexuízos contra a lingua”. É máis, Callón cre que López “apúntase a idea do bilingüismo agónico do PP”.
Descargar Tarifas