Europa Press . Un cento de traballadores da empresa Copo Ibérica fecháronse este mediodía na sede da planta, en Mos, para esixir a readmisión de 18 despedidos. A dirección desta fábrica auxiliar do automóbil négase a que eses operarios volvan á empresa.
Así o afirmou, en declaracións a Europa Press, o presidente do comité de empresa de Copo Ibérica, Xosé Francisco Miranda Vigo, quen explicou que a protesta comezou sobre as 14h00, cando rematou a quenda de mañá. Estes efectivos desprazáronse ata as oficinas da empresa e actualmente permanecen alí fechados, mentres a quenda de tarde continúa a produción na planta, dedicada a recheos de asentos, repousacabezas e apoiabrazos. Ademais, compañeiros doutras factorías do Grupo Copo situadas nas proximidades tamén se uniron ao encerro, en solidariedade co equipo. Miranda (CIG), explicou que, unha vez comezado o feche a xerencia da empresa chamou a unha reunión, na que os representantes dos traballadores pediron a "readmisión inmediata" dos 18 despedidos e que, en todo o caso, se algún empregado decidise abandonar a empresa "por vontade propia", deberanse renegociar as condicións ofrecidas hoxe (consistentes en 20 días por ano traballado, cun máximo de 12 mensualidades) de cara a melloralas. Indemnizacións O representante dos traballadores asegurou que a empresa se negou a readmitir os 18 despedidos porque "a decisión xa está tomada e non se dá marcha atrás", pero que estudarán a posibilidade de falar cos empregados afectados sobre a indemnización. Así, os concentrados permanecerán na empresa non se lles dan unha contestación. En canto á posibilidade de que esta planta realice futuros recortes de persoal, explicou que na reunión de hoxe "non se garantiu nada" sobre o futuro do equipo. O sindicalista criticou que os despedimentos anunciados hoxe se "aproveitasen dun articulado do Estatuto do Traballador (concretamente o 52) que permite estas medidas "por motivos económicos, tecnolóxicos ou de forza maior".
Traballador de Copo
Un centenar de traballadores da empresa do sector da automoción Copo Ibérica permanecen fechados nas oficinas da planta, situada na localidade de Mos, en protesta polo despedimento de 18 empregados comunicado hoxe e para pedir a "readmisión inmediata" destes.