Redacción . O dúo cómico d'Os Tonechos, que colleitou grande éxito popular grazas ás súas aparicións na TVG, anunciou que se separa temporalmente. Os seus dous compoñentes, Roberto Vilar (Tonecho) e Vítor Fábregas (Tucho) empezarán novos proxectos en solitario.
Tucho e Tonecho, o dúo menos edípico de fillo e pai da historia do humor, "toman un respiro". Tras cinco anos de éxitos, a parella de actores decidiu poñerlle un punto e á parte á historia de pai prexubilado e carota e fillo apalambrado e "motarra" que fixo sorrir a toda Galiza durante anos. Nin Roberto Vilar, que naceu en Xove, nin Vítor Fábregas, nado en Esteiro (Muros), recoñeceron diferenzas persoais e a súa separación parece máis provocada polo esgotamento dos personaxes e a necesidade de que cada un busque novos retos profesionais. Non en van, tanto un coma o outro teñen unha dilatada carreira como actores e presentadores, que comezou moito antes daquela primeira intervención no "Luar" na que toda Galiza ficou prendida das pantuflas do Tonecho e do enorme casco do Tucho. Os Tonechos foron un fenómeno sociolóxico na Galiza do século XXI. Para moitos, o seu humor era "primario" e recibiron duras críticas que incluso os relacionaba politicamente co fraguismo, daquela aínda no poder. Outros convertéronos en ídolos pop e viron no seu total éxito na TVG a primeira gran parella de cómicos que chegaba ás masas en Galiza. As súas actuacións no "Luar" foron minuto de ouro durante moitas semanas para a canle galega, tanto que á parte de seren pregoeiros en canta festa se fixo no país, acabaron tendo un programa de seu. "O Show dos Tonechos" comezou a emitirse no 2005, xusto no intre de transición entre o Goberno Fraga e o Goberno Touriño e tiña como guionistas, entre outros, o escritor Xavier Manteiga e o músico Tonhito de Poi. Como compañeiras de escena, dúas exitosas actrices: Mariana Carballal, directora doutro éxito: "Libro de familia; e Dorotea Bárcena, a carismática sogra Amadora. Polo seu espazo semanal pasaron practicamente todos os grandes actores de Galiza e durante unha das súas tempadas tamén os Tonechos entrevistaban personaxes públicos. O programa tentou, sen éxito de audiencia, colocar a Fábregas e Vilar noutros rexistros, ao xeito doutras parellas de cómicos, caso de "Cruz y Raya" ou "Los Morancos" pero o público prefería velos coas súas frases feitas de sempre: O "aínda vives" do Tonecho e o "Papá, macho", do Tucho, pasaron a ser retrouso usado por grandes e mozos.
Vítor Fábregas (esquerda) e Roberto Vilar, os Tonechos
Descargar Tarifas