PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'Os moradores da nada', de Xavier Lama
Os retratos imaxinarios de Xavier Lama

Armando Requeixo 28 retratos de personaxes ficticios nos que prima a fantasía, o poder da ficción.

Reloxo 15.05.2009 | 17:50

Xavier Lama Xavier Lama. Pepe Ferrín/AGN

Os moradores da nada

Autor: Xavier Lama.

Edita: Galaxia, 1995.

Agora que tan de moda anda a literatura breve e ata hiperbreve, non está de máis que se lembre que esta tendencia da escrita leva dado entre nós notables froitos dende hai lustros.

Cando en 1995 Xavier Lama gañaba o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa –por certo, defuntado de morte matada para mágoa de todos os galegos e particular vergonza de vigueses e mindonienses, que o deixaron ir por inanición– ficou claro que aquela vella fórmula das semblanzas que tan ben ensaiara o xenial escritor que daba nome ao galardón atopara un digno seguidor na voz doutro lucense, por máis sinais guntinés, que ofrecía no seu Os moradores da nada vinte e oito retratos breves doutros tantos personaxes suxestivamente fantaseados.

Beireando o que os clásicos teñen denominado facecias –aínda que descargadas do humor máis ou menos hilarante que estas amosan en tantas ocasións–, as concentradas historias de Lama constitúen un exemplar exercicio de aproximación biográfica ás singulares xeiras de emblemáticos personaxes nos que o insólito, o inusual ou desusado goberna unhas vidas en todo momento presididas polo anticonvencionalismo e por veces tamén por certo pouso marxinal.

O repregamento metaliterario dos que viven creando quiméricas obras maxistrais ou textos secretos e decote póstumos, o desencanto coa orde establecida, a ironía como perspectiva necesaria dende a que afrontar o pasar dos días, a reflexión e a praxe sobre os neboentos lindes do real e o ficcional, a aposta polos amores imposibles e considerados socialmente transgresores ou a práctica de oficios escuros ou nada frecuentes son outros tantos temas maiores abordados nestes relatos, onde é imposible non sentir o engado das fantasías eróticas dun Piero di Martini, a angustia vital e sempre dramática dunha Eleanor McKein, a pavura ante a magna obra do poeta enterrador Mário Ferreira do Couto, a témera perplexidade de Dimitri Krasnoiev, catador de velenos do tsar Iván, ou o transreal convivio do pictórico e o desexado de Günter Wiegele, por amentar só algunhas das memorables estampas de Lama.

Historias todas elas nas que se dispara coa aceirada frecha do traxicómico, onde o amarguexo e o fel mouro son habelenciosamente contrapesados por un humor acedo que nos defronta cunha percepción do (ir)real da que aprendemos por contraste.

Porque talvez esta galería onírica de Xavier Lama sexa o único espello posible para comprendermos que en nós hai outros que nos cohabitan e que a Nada e o Todo son o verso e o anverso dunha única e mesma realidade na que todos somos Os moradores da nada, un Destino de empirismos e soños millenta con enigmas tan velaiñamente doces coma perversamente crueis.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río