Mar Barros . Escritor e xornalista, Santiago Jaureguizar vén de facerse co premio de creación literaria Terra de Melide por 'O globo de Shakespeare', unha novela que se artella ao redor do descubrimento do manuscrito do primeiro Hamlet. A obra será publicada por Xerais.
Como nace a idea desta novela?
Santiago Jaureguizar.
Parte da historia real dun militar de alta gradación das Figueiras do s. XVI. Este militar organizou a defensa da cidade de Puerto Rico contra o asalto de Drake e conseguiu derrotalo. Foi a última batalla do pirata, porque na viaxe de volta a Inglaterra Drake contraeu unhas febres que acabaron con el. A raíz deste acontecemento real argallei unha trama na que, e tirando do feito de que Shakespeare e Drake se coñeceran na corte de Isabel I, introduzo a ficción de que o pirata levaba no barco un manuscrito do escritor, o do primeiro Hamlet. Esa primeira versión perdeuse e a que coñecemos hoxe é a escrita dez anos despois. Levando a trama aos tempos actuais, o manuscrito aparece 400 anos despois nun pazo de Ribadeo, onde viven os descendentes do militar que derrotou a Drake. Toda a novela tenta descubrir a autenticidade do texto, o que provoca moitos cambios entre as relacións dos personaxes.
Cando empezou co libro?
No 2005 e seguín o mesmo proceso que emprego para as miñas obras. Fíxome primeiro na estrutura, que busco sexa sólida, para comezar despois o proceso de documentación e de escrita.
Como valora os premios?
Para a xente que empeza son moi importantes porque permiten achegarse a este mundo no que costa entrar. Para os que xa publicamos anímanos a seguir escribindo.
Descargar Tarifas