Redacción . O goberno de facto de Honduras ampliou o toque de queda militar até o vindeiro venres, segundo un anuncio feito a través da estatal canle 8, tomado xa polos golpistas.
A medida, que dixeron era "para garantir a orde e a seguridade das persoas", estenderase desde as 21.00 ás 05.00 locais. O Executivo ilexítimo de Tegucigalpa xa anunciara o domingo pasado, un toque de queda de 48 horas, entre as nove da noite e as seis da mañá. A pesar deste tipo de medidas e á represión desatada, que deixou un número indeterminado de feridos, o pobo hondureño saíu á rúa para reclamar a volta ao poder do presidente lexítimo, Manuel Zelaya. O pasado 28 de xuño, un batallón de militares encapuchados irromperon violentamente na residencia de Zelaya, secuestrárono e conducírono á forza até Costa Rica, onde quedou abandonado nunha pista co posto. Inmediatamente, o Congreso hondureño anunciou a inhabilitación de Zelaya por violar a Constitución e nomearon como presidente o líder do Parlamento, Roberto Micheletti, alegando a ausencia absoluta do Xefe de Estado e do seu vicepresidente. Nun comunicado, a Corte Suprema de Xustiza hondureña declarou destituír o presidente Zelaya, pero sen presentar ningún candidato ao mandato provisional. Tamén subliñou o seu apoio ao exército hondureño para destituír a Zelaya afirmando que a asonada militar se axusta á Constitución. A comunidade internacional avoga pola restitución da orde constitucional desa nación, representado no retorno do presidente lexítimo de Honduras, Manuela Zelaya, para que culmine o seu mandato constitucional que termina en xaneiro de 2010.
Manuel Zelaya durante unha intervención na Asemblea Xeral da ONU.
Manuel Zelaya falou este martes ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que aprobou unha resolución para que os seus 192 membros non recoñezan outro goberno en Honduras que non sexa o do derrocado mandatario.
Os Estados Unidos, a Unión Europea e países latinoamericanos pecharon filas ao redor de Zelaya despois do golpe militar deste domingo.
Zelaya planea retornar a Tegucigalpa o xoves acompañado polo presidente da Organización de Estados Americanos (OEA), José Miguel Insulza, a pesar de que o Goberno interino librou ordes de arresto na súa contra.
"O seu servidor ten varias acusacións en Honduras, pero ninguén me fixo un xuízo, ninguén me convocou a un tribunal a defenderme, ninguén dixo cal é o delito", dixo Zelaya nun discurso ante a asemblea da ONU.
A comitiva que acompañará a Zelaya ao seu país tamén estará integrada pola presidenta da Arxentina, Cristina Fernández, e "posibelmente por outros presidentes da rexión", asegurou este martes unha fonte do ministerio de Exteriores arxentino.
A crise política en Honduras estalou o xoves pasado, cando Zelaya destituíu o xefe das Forzas Armadas por negarse a trasladar as urnas para unha consulta popular que o mandatario quería realizar coa fin de abrir o camiño á súa reelección a través dun referendo nas eleccións de novembro.
Até o de agora, ningún goberno nin institución internacional recoñeceu o presidente interino Roberto Micheletti, designado o domingo polo Congreso co apoio unánime dos deputados, incluíndo o Partido Liberal de Zelaya.
Descargar Tarifas