Redacción . As autoridades golpistas de Honduras anticipáronse a unha inminente suspensión da Organización de Estados Americanos (OEA) pola súa negativa a restituír no poder ao deposto presidente Manuel Zelaya. O goberno de Micheletti acordou autoexcluírse do organismo que este sábado celebra unha Asemblea Xeral en Washington.
A retirada foi anunciada despois de que o secretario xeral da OEA, José Miguel Insulza, concluíra en Tegucigalpa as súas reunións con autoridades xudiciais e parlamentarias que se negaron a dar marcha atrás no proceso que sacou do poder a Zelaya o domingo pasado. Segundo recolle elEconomista, a vicechanceler Martha Alvarado foi a encargada de anuncialo en directo a través dunha cadea nacional de radio e televisión, na compaña do presidente ‘de facto’ Roberto Micheletti. "Por este medio, comunícolle que (Honduras) denuncia a Carta da Organización de Estados Americanos de conformidade co previsto no artigo 143, con eficacia inmediata", dixo. Ademais, criticou a falla de reacción da OEA ante o que cualificou de "ameazas do uso da forza dalgúns estados membros contra Honduras". Antes do anuncio da renuncia á OEA, Insulza lamentou nunha conferencia de prensa que as autoridades de facto instaladas en Honduras non tiveran "ningunha intención de reverter" a situación creada co derrocamento Manuel Zelaya, que debía concluír o seu período en xaneiro de 2010. Insulza presentará este sábado o seu informe da xestión cumprida en Tegucigalpa, ante a Asemblea Xeral da OEA, convocada en Washington para analizar a posibilidade de suspender o país da organización. Xa adiantou que no seu informe consignará que o ocorrido en Honduras é "un golpe militar", aínda que celebrou que non houbera derramamento de sangue. O secretario da OEA tamén asegurou percibir un clima crecente de "polarización" e "tensión" que fai necesario buscar un diálogo político interno, aínda que para iso primeiro se ten que restabelecer a institucionalidade". Feito histórico Honduras é a primeira nación do continente que se retira do organismo interamericano creado en 1948 en Bogotá. Cuba foi suspendida en 1962 pero esa sanción foi levantada en maio xusto nunha reunión da OEA realizada na cidade hondureña de San Pedro Sula (norte). Con todo o seu retiro non será inmediato tendo en conta que o artigo 143 da Carta estabelece que as obrigas dos Estados membros continúan polo menos dous anos.
O toque de queda prolongouse até o domingo
Micheletti, disposto a non permitir o retorno de Zelaya ao poder, reuniu milleiros de partidarios na Praza da Democracia, fronte á Casa Presidencial, antes da chegada do secretario xeral da OEA.
Pola súa banda os seguidores de Zelaya manteñen as súas protestas para esixir o seu regreso, anunciado para o domingo.
Zelaya informou que regresará acompañado pola presidenta arxentina Cristina Fernández, que viaxou a noite do venres a Washington, e polo presidente de Ecuador, Rafael Correa.
Os partidarios de Zelaya teñen previsto continuar as súas manifestacións e acudir á capital para recibilo, á vez que denuncian unha onda de represión por parte do goberno, que suspendeu garantías constitucionais.
O toque de queda que rexe durante as noites e ía levantarse o venres, prolongouse até o domingo.
Descargar Tarifas