Isto deixaría os concellos nos que están radicados sen unha senlleira fonte de ingresos. Mentres a Federación de Municipios confía en pode acollerse a unha fórmula que evite esta situación, os nacionalistas do BNG láianse de que non proteste coa mesma decisión coa que se enfrontou á Vicepresidencia e á Consellaría de Vivenda. Luciano Fariña, do Consello de Contas, desmente as perspectivas mais pesimistas.
O Decreto do Estado 1464 / 2007 de 2 de novembro estableceu unhas novas normas técnicas para a valoración catastral de determinadas propiedades especiais por parte dos concellos e estes sinalan que implica unha redución do 50% no Imposto de Bens Inmobles que se lle aplica ás centrais hidroeléctricas.
O alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez, estimou que o seu concello deixará de ingresar 200.000 euros anuais, unha quinta parte do orzamento municipal. Castrelo cobraba en concepto de Imposto de Bens Inmobles 240.000 euros anuais procedentes da presa radicada no municipio. Agora recibirá 50.000 euros polo mesmo concepto. Outros 23 concellos de Ourense e un número menor no resto do país, temen recortes orzamentarios cando se aplique o Decreto. “Isto é un atraco”, afirmou o rexedor de Castrelo de Miño, que tamén denunciou a “complicidade” do Goberno central coas grandes empresas de produción e distribución de electricidade. Estas últimas tamén se beneficiaron da supresión da tarifa nocturna.
O Consello de Contas reclama prudencia
O responsábel da Área de Corporacións Locais do Consello de Contas de Galicia, Luciano Fariña, reclamou prudencia e sinalou que hai que examinar a norma antes de dar a voz de alarma. Fariña explicou que o Decreto introduce un coeficiente de redución da fiscalidade en función da antigüidade da instalación. Isto implicaría o recorte nos impostos catastrais que deben pagar as centrais, mais matizou que non afecta ás melloras introducidas nos saltos. “O cómputo da antigüidade tería que considerarse desde a introdución da última mellora ou investimento, de forma que non se produciría unha rebaixa de ingresos como a que prevén; haberá que analizar cada caso”, sinalou Fariña, que considera que hai certa “desorientación” nos concellos.