Redacción . Máis de 4.000 marines e centenares de soldados afgáns iniciaron unha grande ofensiva sobre baluartes talibán na provincia de Helmand. Trátase da maior operación desde que o presidente dos Estados Unidos, Barack Obama, asumiu o cargo.
Soldados estadounidenses en Afganistán
Baixo o nome de 'Operación Khanjar' ('Golpe de Espada'), trátase da primeira e máis importante operación militar desde que os EEUU decidiron reforzar a súa estratexia contra a insurxencia dos talibáns. E é que, segundo Obama, a insurxencia dos talibáns en Afganistán e no veciño Paquistán é a principal ameaza á seguridade estadounidense.
Na ofensiva participan, ademais dos máis de 4.000 membros do Corpo de Infantes de Mariña, ao redor de 650 soldados e policías afgáns. O obxectivo é ter totalmente despexada a zona do río Helmand antes das eleccións presidenciais do 20 de agosto. O obxectivo, segundo os estadounidenses, é protexer a poboación civil da rexión e restabelecer os servizos esenciais do goberno no canto de lanzar unha cacería contra os talibáns.
Os Estados Unidos anunciaron recentemente que aumentarán en 21.000 soldados o continxente militar para reforzar a seguridade durante as eleccións. Con ese despregamento o número total de militares subirá a 68.000 antes de finais de ano, segundo o Pentágono.
Descargar Tarifas