
Quen non viu nunca un contador da luz?, irónicos e castigados instrumentos metálicos aos que lles gustaría marcar o ritmo das nosas vidas. Irónicos porque se opoñen, co seu lento movemento circular á velocidade daquilo que miden. Castigados, porque case sempre están metidos nalgunha esquina escura das escaleiras na que non poden gozar daquilo que semellan contar.
A verdade é que nunca me gustaron moito. Xa non só polo feito de ter como única función a de controlar, senón que sempre me puxeron nerviosa co seu camiñar impasíbel que os leva sempre ao mesmo punto de partida. Alí, metidos en coirazas plásticas ven como pasa o tempo na escuridade e como o seu disco non é quen de facer outra cousa que avanzar e avanzar sen máis intención que a de tentar abarcar co seu, moitas veces oxidado devir, a luz que nos chega.
Ben podería ser, que se un destes ferranchos circulares tornase á vida, tivese por soño inconfesábel o de controlar a máis grande e potente luz que nos alumea, o sol. Podería ser que se situase entre el e máis a terra e comezase a facer xirar o seu disco para controlar por completo a luz que o astro nos envía.
Xa sei que isto pode soar fantasioso e mesmo absurdo. Mais non puiden deixar de reparar na luz que hai xa uns anos, o 8 de abril de 2003 pintaba de cor pastel a fachada dos andares máis altos do Hotel Palestina de Bagdad e na luz, na información que os xornalistas e reporteiros que alí se atopaban tentaban difundir ó mundo.
Tampouco puiden deixar de reparar na escuridade que seguramente reinaba dentro daquel tanque. Xa non só da escuridade física, senón tamén a escuridade mental (sen dúbida a máis perigosa) que os seus ocupantes posuían. Esa escuridade cegadora que non lles permitía máis que avanzar e avanzar para demostrarlle ao planeta enteiro que as guerras sempre tornan a un mesmo punto de partida: o sen sentido.
Seguramente haxa moitos que chegados a este punto xa teñan aberta unha fiestra paralela no seu computador para ver se nos últimos días houbo algunha noticia relevante ou se tivo lugar o aniversario dalgunha data relacionada cos feitos. Mais non han atopar nada.
Por desgraza, as guerras non só non respectan días ou datas relevantes, senón que son quen de ir poñendo na funesta lista das barbaries novos e crueis apartados.
Ao lembrar aquelas imaxes, non podo deixar de preguntarme se algunhas persoas, as que levan as armas e non as ideas, non terán aloxado un contador da luz nalgunha parte sombría do seu cerebro.