PUBLICIDADE
Luns, 15 de marzo de 2010
Obama, McCain e a verdadeira democracia
 31.10.2008 | 12:27

Levo anos, como cidadán arquetípico deste país, criticando moitos trazos da sociedade estadounidense, fundamentalmente a dupla moral superlativa, que afecta todos os seres humanos, pero aquí ás veces parece elevada a rango oficial. Tamén critiquei moitas veces o seu sistema político, especialmente pola súa falta de pluralidade e polo mimetismo case absoluto entre demócratas e republicanos. A semana pasada tiven a oportunidade de viaxar a Nova York (sei que probabelmente non é o paradigma de cidade ianqui) e de visitar as persoas que traballan na oficina de campaña de Barack Obama; veño gratamente sorprendido.

Creo que todos podemos coincidir en que unha democracia está viva cando os cidadáns e cidadás nos implicamos nela. En España sempre presumimos da elevada participación nas nosas eleccións, fronte á tradicionalmente baixa implicación dos estadounidenses á hora de votar. Pero eles poden presumir de algo do que nos aínda carecemos, probabelmente por mor dunha pantasma franquista que aínda queda no pouso do noso pobo, a normalidade, naturalidade e implicación coa que a xente da rúa, non militante, vive unha campaña electoral.

Ver a empregada dunha oficina bancaria, a recepcionista do hotel, a caixeira do supermercado, a taxista, a condutora do autobús, a muller coa que te atopas pola rúa… lucindo permanentemente a súa chapa de Obama ou McCain na roupa é algo que sorprende. Ver os edificios de vivendas ou os estabelecementos comerciais adornados con carteis de apoio a un ou a outro candidato, tamén. Non falemos xa das persoas que, sen relación con ningún dos partidos, simplemente por convicción, invisten algunha das súas horas libres en saír á rúa para pedir o voto para os demócratas ou os republicanos.

Isto pode ser visto, dende o noso xeito de vivir, como unha anormalidade máis desa sociedade que nos queda tan lonxe, pero para min, polo menos, é un síntoma de democracia viva, de sistema que funciona. Tentaba imaxinar aquí cidadáns anónimos ou a estabelecementos comercias manifestando aberta e publicamente, con normalidade, o seu apoio durante unha campaña electoral a Touriño, a Quintana, a Feixóo… e a verdade é que me custaba imaxinalo. O día que isto nos deixe de sorprender, a nosa democracia será un pouco mellor. 

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río