Redacción . Barack Obama xa é o candidato oficial do Partido Demócrata á presidencia dos Estados Unidos. O senador de Illinois foi nomeado por aclamación e recibiu o apoio firme de Bill e Hillary Clinton.
O ex presidente Bill Clinton, que se demorara en ofrecer o seu apoio a Obama tras a dura batallas das primarias que perdeu a súa dona, deulle desta vez un claro selo de aprobación nun discurso pronunciado ante un recinto repleto. Os delegados demócratas ovacionaron a aparición do ex presidente que se dirixiu a eles dicindo que Barack Obama estaba listo “para liderar os Estados Unidos e para restaurar o seu liderado no mundo”. Clinton tamén destacou que cando se presentou por primeira vez a presidente en 1992, os republicanos dixeron nese momento, como agora, que o candidato demócrata era demasiado novo e inexperto para ser mandatario. Nomeamento por aclamación Previamente, nun emotivo momento de unidade, a outrora opoñente de Obama, a senadora Hillary Clinton, pediu formalmente aos delegados demócratas, na convención nacional do partido, suspender o reconto de votos dos estados e aprobar o seu nomeamento por aclamación. A súa solicitude foi rapidamente aprobada pola funcionaria que preside a convención, a presidenta da Cámara de Representantes, Nancy Pelosi. O nomeamento pon formalmente a Obama, de 47 anos, no camiño para enfrontarse a McCain nas eleccións do 4 de novembro nunha disputada carreira. A convención republicana nomeará a McCain a vindeira semana na cidade de ST. Paul en Minnesota. Obama, que podería converterse no primeiro presidente afroamericano dos Estados Unidos, chegou a Denver para preparar o seu discurso de aceptación do xoves fronte a unha multitude de preto de 80.000 persoas.
Barak Obama. Axencias