Redacción . O Xacobeo Galicia permanece concentrado nun hotel da Guarda até o día 22 co fin de afinar a posta a punto para o inicio da temporada e para lograr a compenetración dos integrantes do equipo ciclista.
Ezequiel Mosquera, á cabeza
Os integrantes do Xacobeo Galicia están concentrados desde onte, día no que estaba programada unha charla nun hotel da Guarda. Os homes de Álvaro Pino comezan hoxe o plan de traballo cun adestramento pola mañá co fin de pórse a punto para a presente campaña.
Entre os obxectivos da tempada salientan a Vuelta a España e o Giro, no caso de que o Xacobeo Galicia sexa un dos equipos convidado pola organización a participar na rolda transalpina. Para estas probas, a referencia da formación galega é Ezequiel Mosquera, un corredor que gañou en confianza despois das súas dúas únicas actuacións na Vuelta a España e, en particular, do cuarto posto conseguido na última edición.
Segundo o conxunto, o ciclista de Teo chega á súa plenitude deportiva. Para iso tivo que seguir unha traxectoria a través de equipos modestos, sen luxos e apartada dos grandes titulares de prensa. No seu palmarés non hai moitos triunfos, pero estivo entre os dez mellores n practica totalidade das probas por etapas que disputou nestes anos: Volta a España, Volta ao País Vasco, Volta a Murcia, Volta a Burgos, Volta a Mallorca, Giro de Trentino, Volta a Castela e León, Volta a Andalucía ou Volta a Portugal.
Apostas do Xacobeo Galicia
O proxecto do equipo ciclista galego conta ademais con outras apostas. Con máximas garantías para brillar en escenarios do máximo nivel están corredores como David García (Volta a Turquía e etapa en Volta a España 2008), David Herrero (etapa en Volta ao País Vasco 2008), Gustavo César Veloso (Volta a Cataluña 2008) ou Carlos Castaño (etapas en Volta a Cataluña e Volta a Burgos).
Moi perto deles en rendemento, segundo o equipo, quererán achegarse Gustavo Domínguez e Iban Mayoz, ou corredores como Gonzalo Rabuñal, Serafín Martínez, Juan Mourón e Eduard Vorganov, que nos dous últimos anos viñeron formándose á sombra pero que entran nunha fase na que deben empezar a dar altos réditos deportivos.
Superados os obstáculos do primeiro ano, tamén Alejandro Paleo e Alberto Fernández deben mostrar unha alta adaptación ao profesionalismo. Con máis marxe de tempo, pola súa mocidade, avanzan tamén Delio Fernández e Vladimir Isaychev.
Entre os reforzos para o 2009 salienta todo un campión do mundo de triatlón, Iván Raña. Espérase con gran expectación o grao de adaptación que poida obter no ciclismo este deportista que chegou ao máis alto na súa modalidade anterior. As outras tres fichaxes son: Pedro Fernández, un ciclista moi combativo e disposto a sacrificarse sempre polo equipo, e dúas apostas cheas de futuro como Marcos García e Héctor Espasandín.
Descargar Tarifas