Rodri Suárez . O equipo ciclista galego pechou o primeiro terzo de tempada feliz polas súas primeiras grandes vitorias (García en Turquía e Herrero en Euskadi) pero defraudado por ser máis recoñecido fóra que dentro de Galiza.
Non é moi habitual que, por razóns deportivas, o nome de Galiza apareza nas portadas dos diarios vascos. Moito máis complicado resulta que o nome do país sexa visíbel no momento en que o seu portador está sendo aplaudido polo presidente dun país de máis de 70 millóns de habitantes, case o duplo do Estado español. Pero estas cousas pasan, malia que non atopan na casa todo o eco que provocan fóra. Ocorreron da man do Karpin Galicia, que vén de pechar un primeiro terzo de tempada espectacular que incluíu podio en Malaisia, triunfo de etapa no País Vasco e vitoria absoluta na Volta a Turquía, onde o presidente Abdullah Güll lle entregou o trofeo a David García, un de Marín.
Güll foi dúas veces elixido nas urnas turcas o ano pasado, tras unha polémica entre o exercito e os islamitas moderados que provocou ruído de sabres nos cuarteis e ocupou amplos e preocupados espazos na prensa mundial de referencia. Ese mesmo home cuxas ambicións continentais provocan amargas discusións entre os Estados membros da UE e que hai tres meses era recibido por George Bush na Casa Branca foi fotografado hai poucos días mentres sorría e lle aplaudía a un rapaz cun maillot amarelo no que se lía claramente o nome do seu equipo: Karpin Galicia. A forza simbólica da imaxe, non obstante, apenas tivo eco na terra do que era homenaxeado polo internacional dirixente.
“O ciclismo é un deporte que nos mostra ao mundo”, dixo o presidente da República Turca, con David García ao seu carón. Cumpre con esa motivación expansiva o equipo profesional galego polo panorama estatal e internacional, pero cústalle atopar espazo na casa. “No País Vasco dedícannos páxinas enteiras e en Galiza menos, non me cabe na cabeza”, dicía o mecenas do equipo, Valeri Karpin, durante unha etapa da Volta a Euskadi. Alí tamén brillou o conxunto galego, na que era a súa estrea nunha competición de equipos ProTour, a elite do ciclismo mundial. O equipo de Álvaro Pino non ten esa condición, pero foi o principal animador da proba, que convoca milleiros de persoas nas estradas vascas. David Herrero, tras dous terceiros postos consecutivos, acabou por gañar unha etapa, ante a admiración xeral dos medios locais, que lle adicaron lugares de honra nas súas portadas. Tamén destacou Ezequiel Mosquera, que rematou entre os dez primeiros nesa prestixiosa rolda, que gañou o vixente campión do Tour, Alberto Contador.
Os éxitos do Karpin non se limitaron ao País Vasco e Turquía. No Tour de Langkawi (Malaisia), Veloso entrou no podio como terceiro e no Criterium Internacional de Francia –a proba por etapas máis importante en solo galo despois do Tour– os galegos foron quintos por equipos. Resultados así converten o conxunto profesional galego nun firme candidato a formar parte do ProTour en 2009, e así participar no Giro ou na rolda gala. Na Volta a España deste ano volverán estar presentes, sendo un dos só tres equipos sen esa condición que tomarán a saída.
Con só ano e medio de vida, o Karpin está alcanzando unhas cotas de éxito inesperadas, pero agridoces. Por se as penurias propias do ciclismo non fosen suficientes (por exemplo, David Herrero sufriu unha caída e lesionouse de gravidade cando loitaba pola segunda vitoria de etapa en Euskadi) no equipo teñen a sensación de sentirse minimizados en Galiza. Así o suxeriron na súa páxina web durante a Volta a Turquía: “A proba está sendo retransmitida a diario pola principal cadea de televisión do país, durante tres horas. O equipo galego leva varios días entrando pola televisión nos fogares da poboación turca, cos comentaristas falando con absoluta normalidade de Galicia. A Volta tamén é emitida por unha cadea alemá, que ten os dereitos para Europa. A difusión da proba en directo está garantida para o mundo a través de distintos medios de comunicación (...) pero a información que nalgúns medios galegos se está dando da actuación do Karpin Galicia nesta carreira, atópase incluso por baixo da que lle están dedicando algúns outros de distintas provincias españolas”.
Porén, o horizonte deportivo que lle espera ao Karpin parece capaz de superar calquera dificultade. Ao grande momento de forma de García e Veloso se lle une a boa progresión de Mosquera, que dará un paso adiante na segunda fase da campaña e será a referencia con vistas á Volta a España. Tamén os novos comezan a sacar a cabeza, con mención especial para Delio Fernández e Alejandro Paleo. Hai futuro. Despois de que a crise inmobiliaria acendera algunhas alarmas, o principal patrocinador xa confirmou que seguirá co equipo en 2009. Ese pode ser o grande ano, o do Tour. Pero antes, nesta mesma tempada, hai outros moitos retos. O da visibilidade mediática para o público do país –que xa demostrou a súa sede de ciclismo propio na etapas galegas da Volta a España 2007– é un. Para conseguilo, nada mellor que o que está a facer o Karpin: pedir paso dende a magnífica acústica que ten o alto do podio.