PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
Radiactividade
O Sar é a comarca cun maior risco por concentración de radón

Redacción .  O Grupo de Radón de Galiza da Universidade de Santiago (USC) destaca a comarca do Sar como a área de Galiza con risco 'máis alto' de concentración de radón, gas nobre radioactivo que se orixina na desintegración do radio e que se atopa presente en cantidades mínimas no aire, chan e auga.

Reloxo 07.07.2008 | 13:31
TAGS: radón , usc , contaminación ,

Segundo a investigación realizada, todos os municipios da comarca do Sar "son de alto risco", ao superar a porcentaxe de 10 por cento de casas con 200 ou máis bequerelios por metro cúbico, que se sitúa nunha media de 37 por cento de risco, tras realizar a medición en 46 domicilios.

O profesor da USC Xoán Miguel Barros sinalou que, aínda que todos os municipios da comarca do Sar son de alto risco, salientan as porcentaxes rexistradas por Dodro (57,1) e Padrón (39,3). Ademais, engadiu que as áreas de Negreira, A Baña, Santa Corda, Zas e resto de municipios cara a Muxía presentan o risco máis alto.

Extremo contrario

No extremo contrario sitúase a comarca do Deza, onde todos os municipios son de "baixo risco", xa que a porcentaxe de casas con 200 ou máis bequerelios por metro cúbico non chega ao 5 por cento, que unicamente rolda Lalín, cun 4,9 por cento coa medición de 41 domicilios e Silleda co 3,5, mentres que o resto de concellos presentan un 0 por cento.

Mapa galego

O Mapa de Radón de Galiza presentado polo profesor Barros indica que na comarca de Santiago, excepto Boqueixón e Val do Dubra, todos os municipios son de alto risco ao superar o 10 por cento de vivendas con máis de 200 bequerelios por metro cúbico de presenza do gas. Así, a media ascende ao 17,5 por cento de risco, destacando Brión co 42,9; Teo co 35,4 e Ames co 32,35. A capital galega ten 11,4 por cento de risco.

O estudo abarcou tamén a comarca de Noia, onde excepto Outes, co 12,5 por cento de risco, todos os municipios son de baixo ou medio risco de exhalación de radón no interior das vivendas, cunha media do 5,4; ao presentar Noia o 2,6 por cento, Porto do Son o 7,1 por cento e Lousame un 0 por cento. Pola súa banda, na zona do Barbanza, salvo A Pobra do Caramiñal, que é de baixo risco, "todos os municipios son de alto risco", cunha media do 10,3 por cento.

O alto risco

Barros xustificou a "obsesión" polo radón porque "Galiza é unha área de alto risco de radiactividade natural". Segundo precisou, a provincia de Ourense ten un 32 por cento de casas que superan os 200 bequerelios por metro cúbico; Pontevedra, un 21 por cento; A Coruña, un 18 por cento e Lugo, un 14 por cento.

Deste xeito, incidiu tamén en que a radioactividade gamma e alfa "é importante" no país. Por iso, puntualizou que os informes dos técnicos "desaconsellan" a localización dunha central nuclear en Galiza, porque se trata de "unha zona con radiactividade que teñen a ser maior que a media".

Neste sentido, o profesor Barros destacou que a concentración de radón na península localízase en Galiza, a zona de Guadarrama, Estremadura, Castela-León e todo o norte de Portugal.

Cancro

Barros manifestou que a exposición a gas radón representa un problema de saúde pública, xa que supón a segunda causa de cancro de pulmón e a primeira en non fumadores. Respecto diso, recordou que desde 1988 está considerado pola Axencia de Investigación sobre o Cancro como canceríxeno humano, resaltando que o risco de padecer a patoloxía multiplícase entre 25 e 40 veces no caso dos fumadores.

Recomendacións
O profesor Barros asegurou que as medidas que adoptar ante a concentración de radón nas vivendas "non supón un custo engadido enorme para un construtor". "Son medidas ridículas que funcionan en países onde existen programas de redución de radón", engadiu.

Respecto diso, apuntou a posibilidade de colocar barreiras baixo soleira en vivendas situadas en lugares de categoría un de risco; así como a extracción forzosa ou pasiva do gas, a ventilación, ventilar dúas horas unha casa elimina a cuarta parte de radón, e até unha cheminea que elimina o gas que se poida acumular.

Barros incidiu, así mesmo, que as Normas do Hábitat Galego citan nun anexo a recomendación de adoptar medidas adecuadas. "Agora só falta que os emprendedores collan o touro polos cornos porque as recomendacións están aí", sentenciou.
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río