PUBLICIDADE
Domingo, 14 de marzo de 2010
'Vento de sal', de Xosé María Álvarez Cáccamo
o sal da memoria

Xosé Manuel Eyré Último poemario de Xosé María Álvarez Cáccamo, un dos poetas cun discurso máis maduro e inconfundíbel.

Reloxo 15.05.2009 | 19:20

Xosé María Álvarez Cáccamo Xosé María Álvarez Cáccamo. Paco Vilabarros

Vento de sal

Autor: Xosé María Álvarez Cáccamo.

Edita: Galaxia.

Que queda de ti?, cal é o teu po?, cal a única zona de luz desde a cal enxergas a sombra que se achega definitiva? Ou, fálame da osamenta que te mativo en pé, meu. Do óso, do esquelete incombustíbel que segundo Risco constituía a esencia do ser humano, e que en Castelao resucitou para escarnio das mentes de razón porcina e avellentada. Pensa unha miga en ti e no guieiro dos teus pasos. Así convida Xosé María Álvarez Cáccamo, logo da propia reflexión  e escritura en avalo e devalo, que sempre avanza sen deixar de mirar atrás, verquida en versos ou ánforas verbais, serenas, inquedas, un tanto estrañadas, doídas, conscientes. Sen pedilo expresamente, cada poemario é un convite á actividade neuronal que precipita os soños, que alimenta esperanzas, que invoca utopías, que aguilloa as ansias. Non, a poesía deixou de ser un lago de augas mortas e mornas, manso repouso do vagar autoflexivo, auotoflexivo: aquel que nunca sae das fronteiras de si e a si retorna sen saber nin querer do acontecer exterior. Aquela vella poesía, alindada nos prados da admiración da sublime idea vehiculizada na palabra sorpresiva e calculada, deixou lugar a unha arte poética que xa non pretende o fascinio do lector senón que o transcende.

Vento se sal é fiel á fotografía da poesía actual, atormentada na súa forma inconstante e tamén no contido vomitado, querido e expulso. Conta cun deseño editorial que indica dúas partes. “Sombra do meu corpo”, na cal a viaxe introspectiva aludida será certidume, imposición e exposición que chegan, para proxectarse na disección do po do tempo acumulado. E “Desde dentro da única zona de luz”, moito máis breve este feixe de oitos poemas nos que se dá conta da actividade do eu poético en relación, da actividade do eu poético social que o mesmo autor lembra en palabras conclusivas. Estas notas, que a miúdo pasan moi desapercibidas, lémbrannos, porén, a necesidade que a sociedade ten d@s poetas, como seres conscientes ou preocupados non só do seu propio evoluír social senón tamén das implicacións que se revelan desde a direccionalidade das tendencias que guían os acontecementos sociais. Puidera semellar, a primeira vista, mais esta xuntanza de perspectiva introspectiva e perspectiva extrovertida, verso e anverso, non resulta nada forzada nin demanda meirande explicación.

Na primeira parte, a máis extensa, o protagonismo, o obxecto e obxectivo poético é o mundo próximo, o mundo familiar ou familiariazado por unha voz poética que se recoñece ao borde do abismo, do abismo entre a memoria do pasao e a esperanza de futuro, do abismo entre o pasado revisitado e non doado de comprender e o futuro, aínda menos doado de enxergar. Xustamente isto provoca que as ansias de rachar, as ansias de ruptura se dirixan cara ao pasado, do cal se coñecen ben as repercusións ou consecuencias, e doen, e doen ou fannos doer. Non se enumeran as causas desta dor, son cousas pasadas e o que impora é a dor. A vista volve atrás, ás praias e os domingos, domingos de primeira confusión e véspera de rachar en luns, luns que xa son setembro e que xa non son agosto. Nesta viaxe aos eidos da memoria individual,  a voz poética desdóbrase,  porque o desdobramento permite o diálogo, desdobramento e diálogo un tanto estrañados, por suposto, mais que non deixan de ser comprensivos na revelación desta actitude contemplativa, reflexiva e sentimental que, así o lemos nós, quere ser punto de inflexión ou convite, convite a que quen le ultrapase a fronteira da lectura. Non se explicita tal convite, mais existe nunha xenerosa parte d@s poetas actuais o convencimento de que a poesía non debe ser só estática memoria de reflexións e sentimentos, e debe aspirar a ser pílula revulsiva e autoconcienciadora. Non se formula en palabras, aniña no fondo. A pena é que só será así na medida en que o poema sexa accesíbel a quen o le. E estes poemas, lembremos que vivimos tempos nos que muda o xeito de pensar, pois estes poemas, fiel retrato da poesía actual, aínda serán percibidos polo lector común non afeito á lectura poética (tanto na forma como na expresión do contido) como unha evolución non asimilada, estraña, debido a esa formación tan clasicista, tradicionalista, conservadora, que o ensino tende a inculcar como única e eterna.

No desprazamento de dentro a fóra, de cando era fóra unha envolvente sucesión de fragmentariedades e instatáneas evocadoras a este agora de catástrofes social (Prestige, Irak…) que non permite a impasibilidade nas boas conciencias, o poema gaña en corpo, faise máis denso e máis descritivo cando recupera a Alexandre Bóveda, a Antón Avilés de Taramancos, a Camus, Sartre ou Voltaire, voces de ilustres mortos que non morreron porque non morreu a súa loita nin morre nunca a voz de quen loita polos demais, quen ergue a voz polos que non a teñen, que non morren nunca os corazóns xenerosos pois seguen a latexar nas verbas de quen ten ollos activos e sangue nas veas que non é de pedra pintada. Pode non quedar moito máis que po de nós, cando morramos e xa non lembremos a infancia, os domingos e a Praia, os agarimos dos avós, o frío ou setembro, que xa nada signifique, que vaiamos enmagrecendo na folla do vento. Pode. Mais morreremos moito antes se non loitamos, se non nos significamos na loita contra a opresión e a inxustiza.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río