PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
'Memoria de cidades sen luz', de Inma López Silva
O sabor dunha época

Xosé Manuel Eyré Esta novela mereceu o Premio Blanco Amor de novela 2008. Conta a historia dos derrotados da guerra do 36 e tamén se mergulla na paixón da autora polo teatro.

Reloxo 15.05.2009 | 18:08

Inma López Silva Inma López Silva. Paco Vilabarros

Memoria de cidades sen luz

Autora: Inma López Silva.

Edita: Galaxia.

Memoria de cidades sen luz, de Inma López Silva, actual Premio ‘Blanco Amor’, é unha das mellores novelas publicadas o ano pasado. Despois de lela resoa na miña cabeza unha terna de títulos: A mala vida, peza teatral de Carlos Etxeba, porque o teatro é unha das paixóns da autora desta novela; tamén A vida que nos mata, de Xabier López, sería un precioso título para a novela de Silva, claro que o dela tamén é, a meu ver, moi bonito. E, sobre todo, Fouché, dun Stefan Zweig que a memoria literaria do século pasado aínda non soubo colocar no sitio que lle corresponde. Das tres, é esta do austríaco a que máis interesa, inclusive non tiña porque ser exactamente ese título e podería ser case calquera outro desa particular simbiose entre biografía e ficción que fai que as páxinas da súa prosa resulten inconfundíbeis. E é a que máis interesa precisamente porque a fórmula narrativa que aquí nos ofrece Inma López Silva ten moito que ver coa de Zweig. Memoria de cidades sen luz, é unha novela, induscutibelmente, mais sería irrecoñecíbel sen as achegas biográficas de Santiago Casares Quiroga, aínda máis a de María Casares e a de María Miramontes e Ánxel Casal, tres personaxes que deixaron pegada no século pasado. Asemade, quero salientar a María Miramontes, polo moito que a cultura galega lle debe ao calado labor desta costureira á que a vida lle arrincou os ollos: Ánxel Casal.

A novela é unha reconstrución biográfica, epocal e de grupo, unha fabulación existencial, crúa e intensa, sen concesións. Ao escribir reconstrución biográfica penso na reconstrución da vida do protagonista. Segundo vai rematar a novela imos sabendo que o que lemos foi precisamente a reconstrución da vida daquel rapaz que Lucía rescata de debaixo da cama cando lle matan a súa familia. A súa vida na Coruña, a fuxida a París (forzada por ter que escapar do golpe de estado franquista e a posterior guerra), ou as estadías en Bos Aires, en Nova York e o regreso a Santiago. Epocal, porque fala dos anos previos á República, da Guerra Civil, da II Guerra Mundial, do Maio do 68, da decadencia do franquismo… deica hoxe. E grupal, interesa moito esta cara da pirámide, resulta fundamental ese ambiente no que vive o protagonista, que aprende a ler nos libros que fai Casal, mesmo casará cunha Armelle moi próxima á resistencia, manterá unha relación afectiva moi fonda con María Casares. Unha María Casares que sempre estivo namorada de Camus, chegarán a traballar xuntos no Teatro Nacional Francés. Non pode esquecer o ambiente soñador do cinema Savoy coruñés, o teatral tampouco, obviamente, nin o das timbas ás que acode ás veces.

Memoria de cidades sen luz, é, en realidade, a memoria dun tempo sen luz, en calquera das cidades sinaladas, tese máis implícita que explícita, pois, como toda novela moderna, está construída para que o lector reflexione. Por exemplo sobre a reivindicación do papel xogado polas mulleres na acción nacionalista (e cultural ) histórica, tamén sobre as súas propias condicionantes como mulleres. E, non pode faltar, a reflexión sobre o ser humano como un boneco aboiando nun mar enfurecido, nunha vida atolada, na cal procura ser feliz e na que o logra só parcialmente porque non pode controlar todas as vectores e forzas que inciden nel. Pensemos no triste final de María Miramontes, da mesma Lucía, de Casares Quiroga ou Ánxel Casal.

Memoria de cidades sen luz é unha novela na que a autora conxuga maxistralmente paixóns a dúo. O teatro e a narrativa, o estudo histórico e a ficción narrativa, a esfera reivindicativa social e a propia da individualidade. Memoria de cidades sen luz está correctamente escrita, á autora non a asustan períodos sintácticos complexos e sabe resolvelos sen caer na simplicidade, beirea a novela biográfica comentada, entre ficcional e histórica, con moita habilidade. Tarda, se se quer, en entrar, o ritmo de decodificación resulta un tanto lento precisamente por ese recurso ao comentario, desde o cal non queda detalle sen atender. Porén, neste tamén estudo práctico da creación, desde que a autora se decata de que é na infancia, no pasado, onde están as claves de todo, prepara o discurso para un remate emocionalmente moi intenso.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río