PUBLICIDADE
Martes, 09 de febreiro de 2010
Belén
Regueira
Xornalista
O real
 01.10.2008 | 08:04

Entre as descubertas metafísicas que nos está procurando a crise hai unha especialmente terrorífica: a coexistencia da "economía real" con esoutra que non o é, á que lle chaman especulativa e que Lula definiu como "o casino dos Estados Unidos". Unha ficción poderosísima que seica ameaza con levar ao abismo o mundo tal como o coñecemos, e a nós con el. Porque agora sabemos tamén que a prosaica realidade e a ensoñación financeira están interconectadas mediante misteriosos mecanismos que fan posíbel que o imaxinario bater de ás dun insecto en Wall Street mande ao paro o currante dunha empresa auxiliar da Citroën.

Ademais do paro, disque soben o número de delitos e as vendas de pintabeizos. E nas oficinas, nos bares e nos clubs de lectura a xente real forma peñas para xogar compulsivamente á quiniela, á primitiva, á bonoloto e ao euromillón. Non son a ficción e a especulación as que sofren o descrédito. É a realidade a que perde adeptos. En tempos de incerteza recorremos máis ca nunca aos xogos de azar, ao diván, ás novelas de cabalarías ou á relixión para conxurar o medo a perder o traballo e para aguantar as ganas de gardar os aforros baixo o colchón. Construímos refuxios no aire para protexernos dos golpes que deixan marcas.

Ademais da mellor escusa en décadas para a demagoxia (segundo Aristóteles e a wikipedia, o goberno dos pobres con exclusión dos ricos), a crise (que en chinés se escribe co mesmo ideograma que oportunidade, aínda que non o diga a wikipedia) permitiranos aforrar un monte de cartos que non temos neses serísimos señores que aseguraraban saber xogar ao monopoly: ministros de Economía, banqueiros, conselleiros delegados, presidentes de FMIs e Bancos Mundiais, analistas, expertos e opinólogos, que non souberon ou quixeron advertir ou evitar o que viña. Se a economía que goberna as nosas vidas é tan pouco real como agora descubrimos, os seus gurús non poden ignorar as regras máis elementais da ficción. Este conto acabou e cómpre inventar outro con urxencia. Non é que outro mundo debese ser posíbel, senón que é inevitábel.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
Vota
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río