Defende unha reforma federal da Constitución
O PSC proclama que Catalunya é unha nación
Redacción .
O PSC proclamou hoxe que Catalunya é ‘unha nación cun territorio, unha lingua, unha cultura e unha historia propias que configuran unha comunidade nacional’, que a integran ‘todos os cidadáns e cidadás de Catalunya con independencia da súa orixe e da súa lingua materna’.
19.07.2008 | 20:18
Josep Montilla, primeiro secretario do PSC
No marco do XI Congreso do partido que estes días se celebra en Barcelona, os socialistas cataláns recordan que son "catalanistas" porque queren "a liberdade e o autogoberno de Catalunya para construír unha sociedade aberta, avanzada, inclusiva, capaz de unir nun mesmo proxecto a persoas de procedencia diversa".
"Afirmamos a nosa realidade nacional", o que significa un "compromiso coa lingua e a cultura catalás", que é "plenamente compatíbel co respecto á lingua castelá que forma parte" do patrimonio cultural de Catalunya.
Os socialistas cataláns se autodefinen como "demócratas, progresistas, catalanistas, europeístas, ecoloxistas" e tamén feministas, "xente solidaria" e "de paz" que quere combater as desigualdades no mundo, emprendedores e "apaixonada" pola cultura.
Reforma Federal da Constitución
O PSC aprobou no seu congreso a reclamación dunha reforma federal da Constitución Española que lle dea voz propia a Catalunya ante institucións e organismos europeos, e que reforce a "colaboración bilateral" a través da Comisión Bilateral Estado-Generalitat que marca o novo Estatut.
Unha das emendas recollidas na resolución primeira, defendida pola conselleira Marina Geli aposta por unha serie de "pasos" que "requiren dunha reforma constitucional que incorpore na Carta Magna os últimos avances do Estado das Autonomías nun sentido federal", desde "a colaboración entre instancias de poder e baixo os "principios de lealdade federal".
O PSC entende que a "proxección dun sistema federal" deberase abordar no terreo institucional e, neste sentido, cita na súa resolución á Conferencia de Presidentes autonómicos, a "regulación das conferencias sectoriais" e a participación das CCAA nas institucións da Unión Europea.
Os socialistas cataláns tamén queren "reforzar" o Consello de Rexións como segunda cámara de representación dos parlamentos rexionais. Así mesmo, entenden que "para que o Estado das autonomías evolucione nun sentido máis explicitamente federal fai falta que o Senado sexa unha cámara de auténtica representación territorial onde poder utilizar as catro linguas españolas".
En definitiva, o PSC aposta por un "proxecto federal para España", tal como intentou defender no pasado congreso do PSOE, entendido como tal o "recoñecemento da identidade do outro e a cultura do pacto entre iguais e á vez entre diferentes".
"Non se trata de descentralizar o poder do Estado, senón de cambiar a concepción", conclúen os socialistas cataláns no seu XI congreso.