PUBLICIDADE
Mércores, 17 de marzo de 2010
BLOG HELENA DOMÍNGUEZ
Helena
Domínguez
Xornalista
O próximo de Suso de Toro
O escritor Suso de Toro amosou o seu lado máis íntimo durante unha conferencia sobre 'Literatura e tempo' impartida recentemente na Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona. Pena que non puidese facelo na súa lingua.
 04.11.2008 | 10:20

Suso de Toro na conferencia de Barcelona Suso de Toro na conferencia de Barcelona

Os interrogantes suxeridos por unha foto de seu pai fronte á porta tapiada da súa casa natal, en Zamora, levaron a Suso de Toro a investigar a propia historia familiar, como materia prima literaria da súa próxima obra.  “Estou escribindo unha viaxe ao pasado”, recoñeceu o autor compostelán, “o libro que estou a preparar estame saíndo confesional, investigando o meu avó e o meu pai, estoume coñecendo a min mesmo”.

Suso de Toro fixo un repaso da súa traxectoria literaria desde que comezou a escribir até a actualidade. Referíndose ás súas influencias, destacou o tránsito que lle tocou vivir entre dúas épocas, simbolizadas, por unha banda, pola aldea dos seus avós, un mundo de silencio imbuído pola cultura da oralidade, sen electricidade e sen marcas comerciais, e por outra, polo rebumbio cultural e vangardista do ambiente universitario de Santiago de finais dos 60. “Este cruzamento entre as raíces e o novo foi algo moi fecundo”, dixo.

Perante un atento auditorio, o escritor recoñeceu que o recente pasamento dalgúns escritores amigos fíxolle reconsiderar a súa pertenza a unha xeración e a un tempo determinado."Estando na miña natureza o incomodar, cando comecei a escribir rexeitei gregarismos, defendendo a miña identidade individual. Un escritor fai o seu camiño en solitario e contra todo, por iso nunca me sentín parte dunha xeración”, explicou, “pero co paso dos anos e coa morte de escritores coñecidos, descubrín que comparto lazos cunha xeración e cunha época, aínda que só sexan afectivos”.

Estas foron algunhas das interesantes confesións que Suso de Toro fixo o pasado 20 de outubro na cidade condal, durante a conferencia organizada pola sección de Filologia Gallega i Portuguesa e o decanato de Filologia da Universitat de Barcelona. A presenza do escritor levantou unha gran expectación na facultade, coa asistencia de perto de 150 persoas, unha cifra moi superior á que adoitan xuntar outros autores galegos. Sorprendentemente, esta foi tamén unha das poucas conferencias auspiciadas por Filologia Gallega que se impartiu en castelán, debido á petición persoal do decano, Adolfo Sotelo, que tivo medo a unha falta de entendemento. E iso que o académico amosou simpatía cara “á lingua dos seus pais".

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río