PUBLICIDADE
Sábado, 22 de novembro de 2008
Unha percha que tamén serve para xogar
O proxecto 'Träd' gaña o III Premio de Deseño Industrial do Moble María Martínez Otero

Redacción .  Nesta convocatoria do certame, co título 'O universo dos nenos', foi esta peza dos deseñadores madrileños Josué Gamonal e Vicente Porres a escollida polo xurado, por se tratar dun 'concepto innovador que amplía a tipoloxía do moble infantil, grazas ás súas referencias á natureza e ao seu carácter de refuxio e casa de xogos'.

Reloxo 08.10.2008 | 09:40

Träd, proxecto gañador do III Premio de Deseño Industrial do Moble María Martínez Otero Träd, proxecto gañador do III Premio de Deseño Industrial do Moble María Martínez Otero Esquerda   1 / 4  Dereita  

"Träd, é máis que un moble, unha percha, ou un sistema de almacenaxe. Träd é un refuxio, un espazo persoal onde o neno desenvolve as súas fantasías e xogos. Un lugar onde sentirse seguro, aprender e imaxinar. Ese bosque encantado onde poder soñar con heroes e princesas, bruxas e dragóns…..e vivir mil e unha aventuras". Así explican Gamonal e Porres a inspiración que seguiron para crearen esta peza, gañadora da terceira edición do Premio de Deseño Industrial de Moble convocado pola Fundación María Martínez Otero.

Con Träd quixeron empregar "a árbore, como icona de sabedoría, refuxio e lugar de xogos. Símbolo do crecemento e da vida. Achegamento a unha natureza cada vez máis ausente, nunha volta aos xogos tradicionais, cara ao desenvolvemento da imaxinación, sen artificios, a base para o crecemento do mundo persoal do neno". Esta orixinal percha que imita un pequeno bosque, con madeira e coxíns e alfombra verdes, serve tamén para acoller os xogos dos cativos no seu interior.

Almacenaxe divertida e berces coma os de antes

Concedéronse tamén dúas mencións de honra: en primeiro lugar, ao proxecto Box, de Katia R. Glossmann e Xavier Tutó, integrantes do estudio KXdesigners (Barcelona). Falan del como "un contedor con continente, un contedor con contido, un caixón móbil cun buscado equilibrio entre forma e función para un usuario específico, neste caso nenos, pero sabendo que elixen os adultos, un elemento de complicidade entre xeracións.

En segundo lugar, levou tamén a mención de honra Un Moisés para MO, obra dos arquitectos Carlos A. Pita Abad, José Carlos Iglesias Fernández e Tono García Mejuto (A Coruña). Trátase dun berce / moisés que quere recuperar a liña dos berces familiares de sempre. "Aqueles que pasaban de xeración en xeración, de pais a fillos e destes aos netos".

O premio

O premio convócase dende o 2004, ano no que gañou o proxecto Flat, realizado polos integrantes do estudio GR Lab (Iñaki Remiro e Adriá Guiu), e producido e comercializado pola empresa Martínez Otero. Na segunda edición, os gañadores foron Herme Ciscar e Mónica García, autores da mesa Continua.

O xurado, presidido polo presidente da Fundación, José Manuel Durán Martínez, estivo integrado por Jeannette Altherr, deseñadora do Estudio Lievore / Altherr / Molina, Reza Balay, director de operacións de Martínez Otero, a xornalista Ana Domínguez Siemens, Antonello Fusetti, director da Scuola Politecnica di Design SPD, de Milán, e Enric Pastor, redactor xefe de AD España. Foi secretaria, con voz pero sen voto, Elena Fabeiro, directora da Fundación María Martínez Otero.

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2008 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil