TOMIÑO PRODUCE O 45%
O PP reparte kiwis galegos no Parlamento
Europa Press
.
PSdeG e BNG rexeitaron hoxe unha proposta do PP para reclamar a concesión ao kiwi galego dunha Indicación Xeográfica protexida (IGP) por entender que sería moi improbable que a Unión Europea (UE) a concedese e por considerar que sería xerar falsas expectativas no sector.
09.05.2008 | 11:14
O deputado 'popular' César Pérez Ares defendeu esta iniciativa en comisión parlamentaria e mesmo agasallou cunha bandexa de catro kiwis a todos os presentes nesta, ademais de destacar as propiedades terapeúticas dun produto que se dá con grande calidade na bisbarra pontevedresa de Baixo Miño, de onde é natural.
Porén, a nacionalista Tareixa Paz, aínda recoñecendo "a boa intención" da proposta, sinalou que sería "case imposible" que se lle concedese a IGP e votar a favor desta iniciativa sería "xogar coa ilusión dos produtores".
Así, expuxo que o kiwi desta zona "non cumpre" os requisitos que a institución comunitaria require para darlle esta distinción, pois "non é orixinario de Galicia, non conta cunha calidade determinada que se poida asociar a esta comunidade e non se produce exclusivamente nesta autonomía". Engadiu que outras medidas poden ser mellores "para poñer en valor a potencialidade deste produto".
Pola súa banda, a socialista Marisol Soneira indicou con complicidade cara a César Pérez Ares que quixo someter a comisión "á chantaxe emocional" ao obsequialo cos kiwis, pero coincidiu con Tareixa Paz en que "case con total certeza" o resultado da petición sería "negativo".
Soneira mesmo recordou que entre os produtores galegos do kiwi "non hai unha toma de conciencia de sector", polo que apuntou que "no improbable caso" de que lle concedese a Indicación Xeográfica protexida, "estaría chamada ao fracaso".
O autor da iniciativa, a pesar do rexeitamento, agradeceu o ton das voceiros do PSdeG e do BNG e recordou que o municipio pontevedrés de Tomiño concentra "o 45 por cento da produción de kiwi en Galicia" polas súas especiais condicións climáticas, que estendeu á zona do Baixo Miño, e celebrou que un cultivo que naceu con incertezas teña xa unha historia de 30 anos e demostrara que é "un éxito".