Redacción . O Partido Popular votou en contra da petición do Parlamento á Xunta para impulsar a normalización do Galego porque, segundo dixo Alberte Núñez Feixóo, o seu grupo non foi chamado a negociar.
O Parlamento de Galiza aprobou hoxe cos votos a favor de PSdeG e BNG, e o rexeitamento do PP, unha iniciativa na que insta á Xunta “a continuar impulsando a plena normalización do galego en todos os ámbitos, en cumprimento da Lei de Normalización Lingüística e do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega”. A proposición non de lei, promovida polo BNG e transaccionada cunha emenda do PSdeG, provocou un tenso debate na Cámara e rematou co voto en contra dos populares por considerar que non foran “chamados a negociar”. Nunha rolda de prensa posterior convocada por Alberte Núñez Feixóo e o seu grupo parlamentario, o presidente do PPdeG denunciou o que considera unha “decisión unilateral” da presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, de suspender o pleno tras a votación sen permitirlle ao seu grupo explicar a razón do seu rexeitamento. Do mesmo xeito, proclamou “si” ao plan de normalización e “non, á imposición do galego”. O defensor da iniciativa, Bieito Lobeira, explicou na súa última quenda de palabra que era “incompatíbel co PP calquera tipo de acordo” en materia lingüística e abandonou o hemiciclo mentres o voceiro de Cultura do PSdeG, Francisco Cerviño, acudía a dialogar coa deputada popular Manuela López Besteiro, que defendeu a postura da súa formación. Polémica na Cámara “Non puidemos participar nesta negociación”, denunciou López Besteiro tras a votación do texto final acordado por socialistas e nacionalistas, aínda que a presidenta do Parlamento non lle permitiu concluír a súa intervención, o que motivou que pedise a palabra o voceiro do Grupo Popular, Manuel Ruíz. Segundo dixo este último, na sesión plenaria de hoxe produciuse “unha alteración democrática importantisima” porque o seu grupo non coñeceu o que se ía aprobar até que o leu en alto a propia Dolores Villarino. Xustificación Neste sentido, Besteiro explicou posteriormente na rolda de prensa que o voceiro de Cultura do PSdeG, Francisco Cerviño, acudiu ao seu escano a convidala á negociación, aínda que ela considerou que a quen lle correspondía era a Lobeira quen “dixo publicamente que co PP non quería saber nada”. Segundo Besteiro, foron excluídos da negociación das emendas. Previamente, na súa quenda de defensa do seu posicionamento, a deputada do PPdeG denunciou que o bipartito "suprimiu e censurou" na nova edición do Plan de Normalización Lingüística a introdución que fixera o ex presidente da Xunta, Manuel Fraga, tras o cal comparou a situación co 'Gran Hermano' do libro de George Orwell '1984'. "Si ao plan, pero no marco da lei e o Estatuto", defendeu López Besteiro, que considerou que para iso é necesario derrogar o decreto do galego no ensino. Así mesmo, advertiu á Xunta de que "a imposición xera rexeitamento" e definiu a súa actitude como de "franquismo lingüístico", aínda que por erro falou nun primeiro momento de "fraguismo lingüístico", o que provocou as risas dos deputados.
Bancada do PP na Cámara galega.
Mentres, Francisco Cerviño resaltou en todo momento que a cuestión lingüística "necesita imperiosamente do consenso" e presentou unha emenda á iniciativa nacionalista que reducía os seus dez puntos (entre os que se topaba unha referencia ao decreto do galego no ensino) a só un. Ademais, criticou aos que usan a lingua como "bandeira partidista", que pode facer gañar algúns votos "pero prexudica a lingua galega".
Así, concluíu que "o radicalismo lingüístico é a enfermidade infantil do galeguismo" e se amosou moi crítico con ambos os dous extremos, referíndose a que a normalización lingüística "non se consegue coa bandeira española tapando a boca" nin "abrindo pseudoexpedientes" aos comerciantes por parte dunha entidade privada, en referencia á Mesa pola Normalización Lingüística.
Descargar Tarifas