Europa Press . O PP quedou hoxe só no Senado ao defender unha moción na que instaba o goberno a 'garantir o ensino en lingua castelá en toda España e en todas as etapas educativas', pero o resto de partidos políticos votou en contra porque 'é un dereito que xa se garante'.
O senador encargado de defender a moción do PP, Juan Huguet, asegurou que "nalgunhas comunidades se está impoñendo a lingua desa autonomía e se está a esquecer o castelán", "a través dun sistema de inmersión lingüística que discrimina" os nenos cuxa lingua materna é a española. O senador do BNG Xosé Manuel Perez Bouza dixo que "o ensino do castelán está garantido en todo o Estado español" e que con esta iniciativa parlamentaria o PP pretende reducir as linguas cooficiais "a espazos coloquiais". Huguet denunciou as "trabas" e "dificultades" que se atopan os pais á hora de educar en castelán aos seus fillos nalgúns territorios, o que "nin é legal nin é constitucionalmente lícito". "E é inútil negar que algo pasa con este tema", apostilou.
O conservador subliñou que o PP "non quere enfrontamentos entre comunidades nin entre linguas", senón que se implante un "modelo de ensino bilingüe sen que haxa exclusións de ningún tipo por razóns idiomáticas". "Queremos a igualdade das dúas linguas ao 50 por cento. Avogamos pola convivencia pacífica das dúas linguas, para que os escolares dominen as dúas por igual", concluíu.
Pola súa banda, o voceiro socialista, Mario Bedera, criticou a "presentación catastrofista" da realidade da educación das linguas en España realizada polo PP, ao que acusou de utilizar este tema "para desgastar o goberno".