Redacción . As augas seguen revoltas no proceso precocongresual do PP. Cada luns Raxoi almorza cun novo anuncio por sorpresa. A marcha de María San Gil é especialmente perigosa porque formaba parte do equipo redactor da ponencia política. A próxima 'fuxida' pode ser a de Juan Costa á empresa privada. Esperanza Aguirre, que calara esta última semana, reaparece.
Esperanza Aguirre non desaproveitou a ocasión e lanzou esta mañán a súa mensaxe, que tamén pode ser lida en clave de ofrecemento. A presidenta do PP de Madrid di que a decisión da presidenta do PP vasco, María San Gil, de non asinar por discrepancias de criterio o relatorio político do Congreso que os populares celebrarán en xuño, debe levar a todos os membros do partido á reflexión, "especialmente a quen neste momento teñen a máxima responsabilidade política a nivel nacional". Aínda insistiu, "o feito de que un referente moral como María San Gil decida abandonar a ponencia política ou non asinala por discrepancias de criterio débenos mover a todos á reflexión", dixo. Costa a General Electric Por se era pouca a tensión hoxe La Razón anuncia que outro gran damnificado das eleccións de marzo, o responsábel do programa electoral Juan Costa, podería estar ultimando un acordo coa empresa General Electric. Falta por saber, se se confirma, se escollerá para anuncialo outro luns consecutivo, como ten sucedido até agora con Zaplana, Acebes e María San Gil.
Esperanza Aguirre e Juan Costa
Tras considerar que San Gil é un referente moral do partido que presenciou "a menos de dous metros como asasinaban ao líder político do PP Gregorio Ordóñez sendo ela secretaria do grupo, a presidenta da Comunidade advertiu de que se a presidenta do PP vasco discrepou e decidiu non asinar o relatorio é porque "ten as súas razóns".