Redacción . Nando Lestón presenta na Casa da Parra de Santiago a súa exposición 'Segunda pel', con 20 pezas escultóricas que representan o bosque do Pindo logo dun incendio.
A exposición do artista Nando Lestón (Canedo, Carnota, 1966) pódese ver na Casa da Parra compostelá. 'Segunda pel' recrea, a través de 20 pezas escultóricas, un bosque, a partir dos piñeiros queimados no monte Pindo no incendio do 2005. Estas obras de máis de catro metros de altura mestúranse con outras formas de expresión artística: literatura, música, fotografía ou videodocumental comparten espazo na instalación até o 18 de maio.
A mostra nace dunha conmoción: a que viviu o artista logo de ver "os esqueletes dos piñeiros" despois do incendio. Gravou en vídeo aquela imaxe, pero logo comezou a facer pequenas maquetas a partir de anacos de pólas, deulles cor e púxolles letras, á busca dunha fondura estética "que me sacase o demo do corpo", afirma. Meses despois, cortou un dos piñeiros a tamaño natural e traballou sobre el. A súa idea era crear por riba do lume, facerlle fronte á destrución con creación.
Ten algo de "vinganza contra a man do home" esa súa vontade de reconstruír o bosque artisticamente. Logo dun ano de limpeza, lixado e aplicacións dun tratamento natural sobre a madeira danada, naceu 'Segunda pel', título co que Lestón quere evocar as semellanzas entre as árbores e os humanos.
Así, na Casa da Parra compostelá poderemos ver 20 árbores escultóricas, escoitar música con gravacións de sons da natureza, ler textos galegos e chineses e contemplar o real por medio das fotografías e do documental. 'Segunda pel' constitúese, logo, como un proxecto interdisciplinar. Os textos, que Lestón foi actualizando a medida que avanzaba no proceso de creación, formarán parte do que el chama "un libro de autor".
A modo de catálogo, este libro servirá para presentar 'Segunda pel': a árbore e a súa relación co tempo, cos sons, coa materia e coa forma guían esta publicación, que como elemento anovador incluirá imaxes da montaxe da exposición, abranguendo, como explica o artista, "todo o proceso de traballo até o final".