PUBLICIDADE
Martes, 16 de marzo de 2010
Apoian as iniciativas de ‘Queremos Galego’
O Partido Galeguista e Coalición Galega na manifestación do 18

Redacción .  No marco do proceso de ‘reflexión conxunta’ que iniciaron o pasado 4 de setembro o Partido Galeguista (PG) e Coalición Galega (CG), ambas as dúas formacións acordaron apoiar as iniciativas da plataforma ‘Queremos Galego’ en defensa da lingua e confirmar a súa presenza na manifestación do 18 de outubro.

Reloxo 13.10.2009 | 09:55
TAGS: Queremos Galego , lingua , PG , CG ,

Manifestación a prol da lingua Manifestación a prol da lingua. AGN

O Partido Galeguista e Coalición Galega anuncian nun comunicado o seu apoio ás iniciativas de ‘Queremos Galego’ e de ‘calquera outro movemento asociativo en defensa da nosa lingua, pero sempre que se faga dende unha perspectiva integradora e nunca excluínte”.

Ademais, confirman a súa presenza na manifestación convocada por esta Plataforma para o vindeiro 18 de outubro en Compostela. Do mesmo xeito, informan da participación nesta protesta da ‘Federación de Ateneos Galeguistas’.

Deste xeito, o PG e CG proseguen o proceso de “reflexión conxunta” que iniciaron o pasado mes de setembro co obxectivo de acadar unha “acción política” común para “recuperar a representatividade social e institucional do movemento Galeguista”.

Ambas as dúas formacións acordaron presentar un manifesto sobre o seu posicionamento respecto á lingua.

'O idioma danos identidade'

"Proposta Galeguista de III Estatuto de Galicia, 2006"

I.-  A identidade Galega ten no idioma Galego a súa lexítima e histórica expresión lingüística. Xa que logo a lingua oficial do Reino de Galicia é o Galego.

II.- O pobo galego ten dereito a que o seu idioma teña recoñecemento e presenza, en réxime de igualdade con outras linguas, nas instancias estatais, europeas e internacionais. As institucións galegas, en representación dos cidadáns, asumen a defensa deste dereito lingüístico.

III.- As institucións galegas garantirán o dereito a usar, e o dereito e deber dos galegos de coñecer a lingua Galega, arbitrando as medidas e medios necesarios para asegurar o seu coñecemento.

IV.- Atendendo a realidades históricas de convivencia secular, o idioma Castelán ten o rango de lingua cooficial do Reino de Galicia.

V.- Os poderes públicos do Reino de Galicia potenciarán e promoverán o emprego do Galego en todos os planos da vida social, pública, cultural, económica, xudicial e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

VI.- Respetando o espírito de que calquera lingua ou idioma ten que ser unha ferramenta efectiva que facilite a comunicación social e non provoque situacións de incomunicación, os poderes públicos e as Institucións Galegas, tendo en conta a diversidade socio lingüística do Reino de Galicia, arbitrarán fórmulas e medidas integradoras para as persoas e/ou colectivos que non teñan o Galego como primeiro idioma, garantindo deste xeito que ninguén sexa discriminado por razón da lingua.

'Historia e posicionamento do Partido Galeguista diante da Lingua Galega'

"No século III a. c. chegan os romanos á Península Ibérica, pero só no século I d.c. despois dos intentos fracasados dos xenerais romanos Décimo Xunio Bruto e Xulio Cesar, Augusto consegue ó fin conquistar Galicia.

Aínda que tardía, a romanización de Galicia foi intensa, A civilización romana pouco a pouco chegou, en tódolos seus aspectos, ás tribos que vivían nas rexións montañosas, e fai que pouco a pouco os castrexos vaian abandoando os seus castros para se incorporar ó sistema de vida romano.

A Gallaecia e as Asturias, que chegaban polo sur ata o río Douro e polo leste até Cantabria, tiveron sempre unha grande autonomía dentro da denominada Hispania Citerior, e no ano 216, con Caracalla, construíron unha provincia romana aparte das demais, baixo o nome de Gallaecia. Os límites xeográficos desta provincia teñen unha grande importancia xa que presenta -ata hoxe- un léxico común, e foi tamén dentro destes límites xeográficos onde se deron os mesmos fenómenos de evolución lingüística, que van separa-lo conxunto de falas pertencentes ó N.O. peninsular da fala castelá, que se está a formar ó sur de Cantabria e norte de Burgos.

A principios do s. V chegaron a "Gallaecia" os suevos, que permaneceron aquí ata que foron vencidos polos visigodos. Tanto un pobo coma o outro influíron pouco no idioma.

A súa chegada, o latín peninsular caracterizábase xa polo seu carácter conservador, consecuencia dunha independencia política e lingüística de Roma. Os xermanos romperon toda a comunicación con Roma, contribuíndo así a acelera-la transformación que se viña operando no seo do latín vulgar falado en Galicia, e favorecendo as primeiras manifestacións do romance galego que, probablemente, xorde xa cos seus carateres máis esenciais a fins do dominio visigótico.

No s. VIII, no ano 711, prodúcese a invasión árabe, que non ten unha influencia directa no terreo lingüístico. A consecuencia desta invasión é a ruptura da unidade política visigoda, xa que os representantes da tradición toledana refúxianse nas montañas de Asturias, formado así, unha cuña entre as dúas metades da antiga Gallaecia: entre Galicia e Cantabria xorde o reino de Asturias, o que fará que daquí endiante cada quen vaia tendo un destino lingüístico- propio que os fará irse afastando paulatinamente. E así, deste xeito, no norte da península vanse formando, ó lado do galego, o castelán, o navarro-aragones e o catalán. Mentres que no centro e no sur os cristiáns que viven baixo o dominio dos árabes conservan a mesma fala latina: o mozárabe.

No s. X, Galicia volve a te-las súas primitivas fronteiras: as da cultura castrexa "xa dixemos que chegaba máis abaixo do río Douro, quizais o Mondego. Tendo toda esta zona a mesma lingua.
A Reconquista leva a dirección Norte-Sur, e así as características lingüísticas irán tamén gañando terreo nesta dirección.

As características, pois da lingua galega chegan bastante máis ó Oriente do que xeralmente se dí. A nosa lingua ben diferenciada xa, das restantes linguas latinas, é a lingua  do "ANTIGO REINO DE GALICIA" que abranguía o que conforma hoxe a Galicia actual e a Galicia do sur ou condado de Portugal, cun límites non moi claros no extremo sur que raiaba co territorio musulmán no que habitaban mozárabes que tiñan unha lingua con caracter´tsicas moi similares á das xentes do norte.

Esta situación cambiaría a fins do s. XI. Arredor do ano 1088 o rei Alfonso VI dálle a Ramón de Borgoña, casado coa súa filla Urraca, o goberno da actual Galicia, e no 1903 constitúese o "condado portucalense" no territorio comprendido entre os ríos Miño e Mondego, legado tamén por ese rei ó seu outro xenro, Enrique de Borgoña, casado con Tereixa e curmán de Ramón de Borgoña.

No ano 1128 constitúese verdadeiramente a nación portuguesa, xa totalmente independizada da coroa galego-leonesa-castelá e, en 1139 ou 1140, ó proclamarse rei, D. Alfonso Henriques, sela definitivamente a independencia de Portugal.

En principio, a lingua de aquén e alén do Miño segue sendo a mesma, pero coa Reconquista a corte do novo reino portugués vaise trasladando cara ó sur, conforme lles van gañando terreo ós árabes e así instálase primeiro en Coimbra, máis tarde en Santarém e no tempo de Alfonso III (1248-1279) e cando comeza Lisboa a figurar como capital do reino.
Como consecuencia do continuo avance dos cristiáns cara ó sur, por unha parte, e da emigración dos mozárabes ó norte, pola outra, foise producindo unha progresiva desgaleguización da fala dos conquistadores ou unha mutua adaptación lingüística destes cos mozárabes que se incorporan ó novo reino de Portugal.

O resultado, pois, do establecemento da corte portuguesa no centro do país, leva consigo o afastamento dos falares occidentais en dúas linguas diferentes O GALEGO e O PORTUGUES.

"A nosa lingua foi unha das primeiras linguas literarias e cultas da península"

Os documentos notarias feitos en Galicia na Idade Media están redactados en galego. Pero a fins do s XV xa se nota a acción centralista impulsada polos reis Católicos, que nomean para o desempeño dos cargos públicos en Galicia a persoas traídas de fora, que falan a lingua da corte e que non se preocupan de aprender e coñecer a lingua galega, senón máis ben todo o contrario. Como consecuencia toda a documentación oficial pasa a redactarse en castelán, quedando o galego relegado a un segundo plano. Pero con todo elo, e a pesar das circunstancias reseñadas, o galego seguiu sendo a lingua falada dos mariñeiros, labradores, comerciantes. Sendo as clases máis humildes as verdadeiras artífices de que hoxe poidamos continuar expresándonos na lingua dos nosos ancestros, dos nosos avós...., dos nosos pais, a nosa, e loitaremos para que sexa tamén -pese a quen lle pese- a dos nosos fillos.

Galiza ! Nai e Señora, sempre garimosa e forte; preto e lonxe; onte agora, mañá.....na vida e na morte!".

(Boa parte do texto corresponde ó discurso inaugural pronunciado por D. Constantino García, na apertura do curso académico 1977-78 na Universidade de Compostela).

Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
A Nosa Terra Diario eliminará todos aqueles comentarios que conteñan vocabulario ofensivo ou publicitario ou que non se axusten ao tema desta información. Grazas pola súa participaciún.
 
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río