PUBLICIDADE
Sábado, 20 de marzo de 2010
Declaración institucional
O Parlamento, a prol da integración do pobo xitano

Redacción .  O Parlamento acordou unha declaración institucional a favor da integración da comunidade xitana. O documento foi adoptado por unanimidade dos tres grupos presentes na Cáamara.

Reloxo 27.05.2008 | 16:53

Xitanos invisíbeis. Bocixa e Raquel Rey Os grupos parlamentarios leron hoxe unha declaración a prol da integración da comunidade xitana tras os problemas que xurdiron logo do realoxamento de xitanos en varios puntos do país. Para consensuar o documento, PSdeG, BNG e PPdeG reuníronse con membros da Plataforma Galega pola Convivencia e contra a Discriminación Racial.

Como alicerce desta declaración figura o comunicado “Por unha sociedade plural e unha convivencia intercultural”, que a plataforma fixera público en marzo. A esta causa sumáronse nos últimos meses cerca de un cento de asociacións.

Sinaí Giménez, presidente da Asociación do Pobo Xitano de Galicia, que forma parte da plataforma, apuntou que a declaración “chega tarde, pero polo menos chega”. Giménez confía en que “non quede só nunha mera declaración”. O presidente da asociación reclamoulle ao Parlamento que ademais de facer un seguimento da situación dos realoxamentos, teña en conta “os casos denunciados de discriminación laboral noutros concellos”.

Declaración do Parlamento de Galicia
A prol da inclusión social
As políticas de inclusión social teñen por obxecto posibilitar a participación efectiva de tódolos cidadáns na comunidade na que viven.

A exclusión social non é tan só consecuencia da insuficiencia de recursos económicos senón tamén froito dunha acumulación de limitacións ou déficits no eido educativo, sanitario, de vivenda, emprego, educación e de participación social, que impiden que as persoas ou grupos que os padecen accedan a bens ou dereitos considerados básicos.

O fenómeno da exclusión atinxe a sectores da poboación como é o das persoas de etnia xitana e outros colectivos que tradicionalmente veñen sendo rexeitados e apartados dos circuítos normalizados da vida da comunidade.

O colectivo xitano segue a ser un dos máis vulnerables e que sofren maior exclusión social. En Galicia hai unha importante comunidade xitana, da que unha elevada porcentaxe vive en situacións de precariedade no ámbito residencial e arredor dun 30% son chabolistas.

A pesar dos esforzos feitos polas diversas administracións, a persistencia do problema da vivenda e da integración social segue a constituír unha das principais trabas cara a inclusión social da poboación xitana e fai que sexa necesario que se siga traballando e tomando as medidas oportunas que aseguren o dereito constitucional universal a gozar dunha vivenda digna.

Por isto desde o Parlamento de Galicia instamos a abordar desde as políticas públicas o desenvolvemento dunha práctica institucional responsable que desde unha visión integral aporte un enfoque multidisciplinar e multifactorial que atenda a todas as dimensións e temáticas implicadas.

Instamos a potenciar accións e prácticas inclusivas coordinadas entre todos os axentes sociais que traballan no campo da inclusión social así como a incorporar procesos e instrumentos de participación que promovan unha forte implicación cidadán.

O reto ao que nos enfrontamos é o de asegurar a redución das desigualdades sociais e a prevención da aparición de situacións de exclusión. Por iso o noso obxectivo segue a ser o de alcanzar unha sociedade galega máis inclusiva e cohesionada traballando desde tódolos ámbitos cunha óptica de prevención, innovación e participación.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 08.


Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
© 2010 A Nosa Terra
Principe 22 - Baixo. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago
Tel. 620 91 70 56

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
PDF  Descargar Tarifas
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Vicepresidente e Conselleiro-delegado:
Afonso Eíré López


Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil
Edición: María Obelleiro Hermida
Charina Giráldez Río