Redacción . O Papa Benedito XVI recoñeceu ‘a vergoña’ que sente a Igrexa católica polos abusos de menores por algúns sacerdotes e relixiosos en Australia, e asegurou que ‘os responsables deben ser levados ante a Xustiza’.
Benedicto XVI fixo ese recoñecemento e condena durante a homilía da misa que o venres celebrou na catedral de Santa María da cidade australiana de Sidney, onde participa na Xornada Mundial da Mocidade.
"Gustaríame determe para recoñecer a vergoña que todos nós temos que sentir como resultado dos abusos sexuais de menores por algúns sacerdotes e relixiosos neste país", afirmou.
O Papa dixo que "as vítimas deben recibir compaixón e coidado e os responsables de tales males deben ser levados ante a Xustiza". "Realmente, estou moi aflixido por esta dor e este sufrimento que as vítimas padeceron", engadiu.
Despois, destacou que estes feitos, "que constitúen unha grave traizón á confianza, merecen unha condena inequívoca", e afirmou que "causaron unha gran dor e un gran dano ao testemuño da Igrexa". "É unha prioridade urxente promover un ambiente seguro e san, especialmente para os mozos".
O Pontífice pediulles aos relixiosos presentes na catedral "apoiar e axudar os seus bispos e traballar xuntos para combater ese mal".