César Lorenzo Gil . Aliados no pasado e rostros máis coñecidos na denominada 'Revolución Laranxa' de Ucraína, o presidente da República, Viktor Iushenko, e a primeira ministra, Iulia Timoshenko, nin se falan e vese factíbel unha ruptura nos próximos días.
Xa distanciados no último ano, a cohabitación entre Iushenko como presidente e Timoshenko como primeira ministra nunca foi doada desde que en decembro a ex empresaria do sector do gas tomou conta do seu cargo. As diferenzas aumentaron significativamente nos últimos meses por causa das diferentes maneiras de ver a política e as solucións para a profunda crise económica que sofre Ucraína. Iushenko, que antes de ser presidente fora director do Banco Central do seu país, quéixase do boicot que sofre no parlamento. A última queixa, que a primeira ministra lle impediu pronunciar o seu discurso anual diante dos deputados, encirrando moitos dos seus simpatizantes a berraren entrementres el tentaba falar. A primeira ministra acusa a Iushenko de ser culpábel da alta taxa de inflación e da queda no índice de crecemento económico. "O presidente só sabe facer dúas cousas: humillar o seu propio país e destruír todo o que estamos poñendo en marcha na economía". Mais Timoshenko tamén gañou antipatías de analistas económicos independentes, que consideran que algunhas das súas medidas políticas son "populistas" e favoreceron o aumento de prezos, que chegou ao 30 por cento en abril.
Iulia Timoshenko, primeira ministra de Ucraína
Timoshenko chegou a ameazar con romper a alianza co presidente por considerar que "mina o seu goberno" e "atrasa todos os avances sociais que queremos impoñer".