PUBLICIDADE
Mércores, 07 de xaneiro de 2009
O 'Object Trouvé'
 29.09.2008 | 20:30

Creo que a literatura é sempre algo similar a un object trouvé. Schwob faino así nas Vidas imaxinarias, co Frate Dolcino, con Pocahontas ou co Capitán Kid; Borges, na Historia Universal da Infamia, en Etcétera, nos Artificios e, en realidade, en todos os seus libros; Cunqueiro, en Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes e practicamente sempre.

Fun tan inxenuo que quixen adiantarme, dar un paso máis, inventar o obxect, e así, en vez de contar a Fanto Fantini, María Pita ou Paolo Uccello, contei xente que se cadra nunca existiu: un Coruteres, un Orio, unha Ama Pitila. Mais nese momento comprendín que a literatura é sempre un object trouvé, atopado nos soños, nas memorias, na literatura ou no cine, e que ese paso adiante non é posible, porque o que facía era volver á literatura eterna. Por exemplo, unha das primeiras lembranzas que teño é de chegar á aldea onde pasábamos as vacacións, na Mariña. Tiña eu uns cinco anos, non sei ben. Non sabía a onde ía, porque non lembraba en absoluto ter estado alí. Non lembraba o ano anterior, o cal supoño que é común a esa idade. Non tiña conciencia dese lugar. Chegamos nun minibus, porque iamos cos meus irmáns, pais, avós, tíos e primos, e con algún máis. No barrio había só tres casas, e alí estaban todos os nenos da parroquia, que sabían que iamos, agardándonos. Todos me saudaban, chamábanme polo nome, e eu non os coñecía. Mellor dito: non sabía que os coñecía. Espertei subitamente a unha conciencia superior, distinta. Tiven unha sensación de estrañeza, de vertixe. E empecei a pensar que me cambiaran, que eu era outro, que non era Xosé Miranda, senón un impostor que puxeran no seu lugar. A explicación que me parecía máis lóxica era tamén a máis simple: viñeran os extraterrestres e substituíran un neno por outro sen que ninguén se decatase. Así, era eu o único en sabelo.

Atopeime con iso. E con iso, que é arquetípico, eu quero, porén, facer literatura, e por iso teño que facelo individual e contalo ao meu xeito. Porque isto contaríase mil veces, mais eu vouno contar outras mil, e vai ser outra cousa. Porque, aínda que é arquetípico, pasoume a min e non a outro, e eu son eu, non un manequín de mostra.

Decidín daquela volver ás formas máis clásicas, facer a literatura máis individual e reaproveitar sempre os materiais que puidese. Contar, por exemplo, a vida de Pero Vila-real, ou sexa Pero da Ponte, a de Afonso de Lanzós ou a de Lourenzo Tasende. Agora ben, con iso quero facer literatura, non teses.

Despois está a cuestión das formas. Estou convencido de que a literatura esixe formación, arte, destreza, disciplina, estruturas, como un edificio. Non valen catro cousas postas á repañota, e aí vai. As formas son importantísimas, as formas sono todo. Non me van nin a verborraxia, nin o minimalismo, nin o pensamento feble, nin os ideólogos do baleiro. Cando como unha centola quero atopala chea. Por iso eu quero ser un escritor dos de sempre, como Gustav Flaubert, Guy de Maupassant, Eduardo Blanco-Amor ou Robert Louis Stevenson. E nada máis.

 
Imprimir     Tamano Menos Tamano Mas
VOTA
 
© 2009 A Nosa Terra
Principe 24 - 1º. 36202 Vigo
Tel. 986 22 24 05.

info@anosaterra.com
diariodixital@anosaterra.com
Delegación Santiago:
Rúa Laverde Ruíz, 6. Baixo esquerda
15702. Santiago de Compostela.
Tel. 981 569 193 - 981 570 264

Publicidade:
Tel. 616 90 46 88
Tel. 986 43 38 30
publicidade@anosaterra.com
Edita: Promocións Culturais Galegas S.A.
Presidente: Miguel Barros Puente
Conselleiro-delegado: Afonso Eíré López

Director: Manuel Veiga Taboada
Subdirector: Xan Carballa Alonso
Coordenador Dixital: César Lorenzo Gil