Redacción . Estes percorridos, de catro horas, terán lugar os próximos catro domingos, entre o 12 de outubro e o 9 de novembro, con dous horarios: un ás 10.00 e outro ás 16.00.
Paseo dos buxos, na Illa de San Simón. Flickr: Xoán Porto
Con estas rutas, o Museo do Mar e a Fundación Illa de San Simón queren dar a coñecer os principais feitos históricos e características naturais deste espazo: parten do peirao do Museo do Mar para navegar até a Illa de San Simón e regresar ao punto de saída. Estímase que 1.000 persoas poderán mergullarse na historia da ría de Vigo e redescubrir a súa paisaxe e valor natural. No traxecto polo mar, que non se estenderá máis dunha hora, os visitantes contarán con material co que seguir o percorrido comentado.
Unha vez no arquipélago de San Simón, un guía relatará os principais fitos históricos das illas (lazareto e logo cárcere durante a ditadura fascista) e que as converteu en símbolo da memoria histórica en Galiza. Ao longo de dúas horas, os visitantes poderán percorrer os seus camiños e ver edificios como o antigo pavillón carcerario ou o próximo Centro de Documentación da Memoria Histórica.
As persoas que desexen participar poderán inscribirse mandando un correo electrónico a visitas@fundacionilladesansimon.org, a través da central de reservas da propia Fundación (www.fundacionilladesansimon.org), ou nos teléfonos 986 90 38 84 e 671 06 50 30, de luns a venres, de 9.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00.
Unha ría fundamental para a nosa cultura
Consolidar a ría de Vigo como destino cultural e turístico centrado no mar é un obxectivo que se vertebra sobre tres eixes: o Museo do Mar, o Museo Massó e o arquipélago de San Simón. Logo da súa reapertura a finais do 2007, o Museo do Mar aspira a ser o referente da cultura marítima e pesqueira da fachada atlántica europea. Situado en Vigo, abriu un programa de actividades para o debate sobre a defensa e conservación do patrimonio marítimo. Atravesando a Ría até o Morrazo, en Bueu, o Museo Massó recompila tanto embarcacións tradicionais coma aparellos propios da antiga conserveira e das artes da salgadura.
Por outra banda, a Fundación Illa de San Simón continúa a ampliar o calendario de visitas que puxo en marcha o pasado mes de xullo, e a diversificar as súas actividades. Amais deste percorrido cultural guiado ofrécense visitas dirixidas a asociacións e entidades, nas que tamén poderían incluírse particulares, sempre e cando o soliciten na central de reservas e haxa prazas baleiras.
A comunidade educativa é outro dos colectivos que coñecerá o arquipélago: a partir do 13 de outubro se inicia o período de visitas escolares, recibindo centros de toda Galiza aos que se lles facilitará o material didáctico necesario.