Redacción . A Unión Internacional de triatlón modifica o Mundial que gañou o ferrolán, que pasa a ter seis probas e unha gran final, e sitúa á Copa do Mundo -tamén gañada por Noia- nun rango inferior.
O Campionato do Mundo de triatlón -do que o galego Xavi Gómez Noia é o actual campión- constará de 6 probas en distintas cidades e unha Gran Final a partir de 2009, segundo anunciou na súa presentación en Pequín a directora executiva da Unión Internacional de triatlón (ITU), Loreen Barnett. "Este novo formato vai permitir que os nosos triatletas poidan dar a coñecer mellor o triatlón no mundo", manifestou Loreen Barnett, no acto de presentación, ao que acudiron os recentes campións olímpicos, a australiana Emma Snowsill e o alemán Jan Frodeno. Durante os tres primeiros anos, o Mundial celebrarase de marzo a setembro. En ano olímpico, a Gran Final disputarase en outubro ou novembro. O Campionato do Mundo deixa de ser unha competición dun día e convértese así nunha por puntos, onde a Gran Final contará con máis puntos en xogo que o resto de probas. As cidades que albergarán a Gran Final do Campionato do Mundo nos próximos anos serán Gold Coast (Australia) en 2009, Budapest en 2010 e Pequín en 2011. Coa creación do novo Campionato do Mundo de triatlón non desaparece a Copa do Mundo, que se converte nunha competición de menor rango. Dúas probas da Copa do Mundo serán puntuábeis para a clasificación do Campionato do Mundo.
Xavier Gómez Noia, deportista de alto nivel