Antonio Cendán . De ser un descoñecido para gran parte da afección, pasou a coquetear cos que loitan polo ascenso á categoría de prata
Case ninguén apostaría polo cadro do Montañeiros ao inicio da actual campaña. Tras un ascenso administrativo, debido ao polémico descenso do Cidade de Santiago, o equipo era un gran descoñecido non só para os outros da categoría senón tamén en Galicia. Logo de máis de 30 anos promovendo o fútbol nas categorías inferiores e xuvenís, o cadro herculino deu o gran salto ao profesionalismo. Nel xogan futbolistas procedentes de todos os recantos da nosa comunidade. Tamén hai unha nutrida representación da propia canteira do Montañeiros, que conta con 22 equipos en categorías inferiores. O club herculino xorde en 1977 coma un equipo afeccionado procedente dunha asociación de “boys scouts” chamada Asociación Xuvenil Montañeiros, que principiou a xogar en categorías inferiores do fútbol autonómico. Na actualidade o equipo está vinculado ao Banco Gallego e mantén un convenio co Deportivo da Coruña. Revelación Na presente campaña de Liga, o cadro herculino está a ser a gran revelación do grupo I da Segunda División B onde, tras a última vitoria ante outro galego que está a callar unha extraordinaria campaña, o CD Lugo, ocupa a quinta praza. Ademais, este último triunfo conseguiuno en campo lugués, o que dá unha idea tamén de que o Montañeiros e unha especie de mata xigantes da categoría de bronce. O seu bloque caracterízase por ser eficaz en campo alleo e así o amosan os resultados. A vitoria en terras luguesas non foi a única de certo nivel no terreo do adversario. Foi o único capaz de gañar no campo do Toralín, onde xoga a Deportiva Ponferradina, actual líder do grupo. Os coruñeses amargáronlle a festa os bercianos impoñéndose por 1-2. Do mesmo xeito, venceron nun dos derbis galegos. A súa vítima nesa ocasión foi o Pontevedra que caeu en Pasarón por un rotundo 0-2. Pero a maior vitoria en campo alleo foi ante un dos clásicos da categoría que se encontra en horas baixas, a Cultural Leonesa, á que venceu por 0-3. Esta serie de vitorias estase a conseguir da man dun adestrador que era un vello coñecido da afección galega, o ex deportivista e tamén ex compostelanista, Xosé Ramón González Pérez, que até agora non tiña unha gran experiencia nos bancos. A tempada O equipo que adestra o ribeirense comezou cos lóxicos titubeos do principiante na categoría. O Montañeiros era un descoñecido e ninguén sabía o que podía dar de si un dos conxuntos considerados “rebotados”. Nos primeiros partidos, a falta de experiencia, unida a incerteza, levou a que o equipo perdese algúns encontros no seu estadio, Agrela, o que o abocou antes de mediar a primeira volta aos postos de descenso, pero a partir da décima xornada de liga as cousas cambiaron radicalmente. A partir de aí, o conxunto comezou unha xeira ascendente que, polo que se ve, aínda non tocou teito. Despois de eludir a zona fría da táboa pasou á intermedia e a coquetear cos grandes da categoría. Incluso, antes de rematar a primeira volta tivo o mérito de colarse nos postos da fase de ascenso á División de prata, aínda que logo perdería algo de pulo pero sen baixar nunca dos oito primeiros postos. Aínda que é un equipo potente nas súas saídas, tamén goza de bastante fortaleza en campo propio, onde tan só dúas veces se lle escaparon os tres puntos, mentres que en media ducia conseguiu derrotar os seus adversarios. Os outros catro partidos remataron en táboas. Plantel novo Outra das súas características é a mocidade dos xogadores. Máis da metade non superan os 25 anos e tan só un pasa dos 30. Así que aos Manuel, Rubén Pardo, Álex Canedo, César, Huelves, Adrián, Paulo Fernández, Rodri e Pesca, entre outros, agárdalles un gran porvir. Non se sabe se no equipo que lles proporcionou os éxitos ou noutros da mesma ou superior categoría, xa que aínda que o ascenso sexa unha posibilidade, se cadra non é factíbel economicamente, a menos que se involucre de modo máis activo o Deportivo da Coruña, co que mantén un convenio de colaboración. Pola contra, o principal inimigo do Montañeiros é a súa escasa masa social, o que dificilmente lle pode axudar a progresar e menos aínda nunha cidade coma a herculina, na que o deporte do balón ten un consolidado representante. Ao estadio de Elviña Grande acode unha media de 300 seareiros.
O Montañeiros nun partido frente ao Compostela no estadio de San Lázaro
Descargar Tarifas