Redacción . Logo de recibir a semana pasada Xusto Beramendi o Premio Nacional de Ensaio, outro autor galego é recoñecido polo Estado: Agustín Fernández Paz, un dos nomes máis importantes da nosa Literatura Infantil e Xuvenil, foi o escollido polo seu libro de relatos 'O único que queda é o amor'.
Unha semana despois de recibir Xusto Beramendi o Premio Nacional de Ensaio, outra obra en galego é recoñecida polo Ministerio de Cultura: Agustín Fernández paz obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 20.000 euros, e que recoñece a mellor obra publicada no 2007 nalgunha lingua peninsular, pola súa novela O único que queda é o amor. O xurado estivo integrado por Margarita Salas, da RAE; Manuel González, pola RAG; Xavier Etxaniz, pola Euskaltzaindia; Cristina Minguillón, pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI); Remedios Morales, pola Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE); Marta Rivera de la Cruz, pola Asociación Colexial de Escritores (ACE); Rosario González, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); María Menéndez, polo Ministerio de Cultura; Jordi Sierra i Fabra e Fernando Marías, gañadores de edicións anteriores. Presidiuno o director xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas, Rogelio Blanco, e vicepresidiuno a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras, Mónica Fernández. O libro, ilustrado por Pablo Auladell e editado por Xerais, agocha unha trama de fíos invisíbeis que une as vidas dos personaxes a través dos relatos Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… Descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: dende o primeiro amor adolescente até alén da morte. Como escribe Orhan Pamuk en Neve, "na vida o único que queda é o amor". Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), profesor prexubilado de Lingua e Literatura Galega no Instituto Rosais de Vigo, e membro dos colectivos Avantar e Nova Escola Galega, ten unha estensa traxectoria na narrativa, sobre todo destinada ao público máis novo, e na súa maior parte traducida a todas as linguas ibéricas: velaí os libros de contos Rapazas (Xerais, 1993, 2003), Amor dos quince anos, Marilyn (Xerais 1995, 2001), Tres pasos polo misterio (Xerais 2004) e O único que queda o amor; tamén as novelas Trece anos de Branca (1994), Premio EDEBÉ de literatura Xuvenil, Cartas de inverno (Xerais, 1995), Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil, O centro do labirinto (Xerais 1997), Aire negro (Xerais 2000), Lista de Honra do IBBY 2002 e Premio Protagonista Jove 2001, Noite de voraces sombras (Xerais 2002), e Corredores de sombra (Xerais 2006).
Agustín Fernández Paz
Descargar Tarifas