César Lorenzo Gil . Galiza venceu a Irán no mellor partido da selección desde a restitución do combinado nacional no 2005. Os galegos foron superiores en moitas fases do xogo pero finalmente conseguiron o 3-2 logo duns últimos minutos moi competidos.
A vitoria galega xestouse en dous momentos. Primeiro tras o gol de Novo no primeiro tempo, que rachou a tendencia do partido, de dominio de balón de Galiza pero oportunidades visitantes. O segundo, despois do outro tanto do ferrolán, que fixo crerlles aos galegos que podían gañar o partido. Os primeiros minutos foron de dominio local pero as oportunidades chegaban a prol dos visitantes. Nouri e Borhani reclamaron o bo labor de Roberto, que soubo esconxurar o perigo en todo momento. Tras uns minutos de pouca actividade futbolística, no minuto 22 Nacho Novo converteu en gol un fantástico pase de Paulo Álvarez. O dianteiro dos Rangers soubo escapar do fóra de xogo, entrou na área, agardou a que o porteiro se adiantase e bateuno no pau longo cun precioso tiro coa dereita. A alegría duroulle a Galiza nove minutos. No 31, Borhani fai unha clara falta sobre Rubén dentro da área galega, o árbitro Iglesias Villanueva mira para outro lado e finalmente o dianteiro iraniano marca. De aí ao final da primeira parte, control compartido do balón. Tamén se repartiron as ocasións. Esperanza A segunda metade comezou dun xeito moi diferente. Galiza saíu enchufada ao partido. A pesar dos oito cambios que introduciron Iglesias e Vázquez no descanso, a ensamblaxe galega quedou intacta e as ocasións repetíanse minuto a minuto. Un dos que acababan de entrar, o céltico Roberto Trashorras, marabillou o público cos seus pases. Nun deles, ve desmarcado a Nacho Novo, que sae da presión do porteiro iraniano e marca o 2-1. Pouco despois, Galiza volvía marcar. Desta volta, o artífice foi Trashorras. A xogada comeza moito antes do gol. Dani Abalo sofre unha falta perto da área. Trashorras lanza o libre directo, que intercepta coa man un dos xogadores iranianos. O penalti resultante materializouno Roberto Losada, feliz de marcar no seu regreso á selección. Este é o seu terceiro tanto con Galiza. Sufrimento Os últimos minutos foron de sufrimento para os galegos. Khalatbari marcou o 3-2 tras unha bonita xogada persoal pola banda dereita. O futbolista asiático salvou a saída de Diego López e colocou o balón dentro da rede case por arte de maxia. O resultado puxo algo nerviosos os galegos. A presión por retornar á senda das vitorias tras dous empates nestes últimos anos obrigou a un xogo conservador, sen apenas achegamentos á área iraniana. Unicamente Trashorras e Abalo puñan algo de sal a un xogo máis preocupado por frustrar as varias oportunidades visitantes que por ampliar a vantaxe.
Xogada do Galiza-Irán.
1 / 3
Descargar Tarifas