
A Mariña é, sen dúbida, unha das comarcas máis dinámicas e produtivas de Lugo. Hai un dato moi ilustrativo que avala esta afirmación e rapidamente nos pon en situación: os 16 concellos comprendidos nesta zona representan o 40 por cento do Produto Interior Bruto de toda a provincia, que en total conta con 67 municipios. É aquí, e non debemos esquecelo, onde están dous dos portos pesqueiros máis importantes do Cantábrico: os de Burela e Celeiro, e a empresa de Alcoa. Estamos a falar, por tanto, dun dos motores económicos imprescindíbeis non só para Lugo senón para Galicia e que debemos potenciar na procura dun desenvolvemento sustentábel.
Como veciña da Mariña, en concreto do Concello de Cervo, coñezo de primeira man a grande evolución que está a experimentar esta comarca. A mellora nas comunicacións, especialmente coa chegada da Transcantábrica, supón un antes e un despois para o norte da provincia. Grazas a esta vía de alta capacidade, a Mariña xa está a ter unha boa conexión con toda a Cornixa Cantábrica e co resto de Europa, un factor decisivo para favorecer a economía e a chegada de visitantes a Galicia.
A Deputación de Lugo é consciente de que o turismo é precisamente unha peza clave neste desenvolvemento. O norte de Lugo ofrece unha gran riqueza patrimonial e paisaxística e unha natureza privilexiada que debemos conservar. O organismo provincial, a través do departamento que dirixe a miña compañeira de goberno, María Xosé Buxán, elaborou un Plan Director que ten na Mariña un dos seus piares, e que persegue un turismo sustentábel nunha provincia na que o 55 por cento do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera.
A chegada de máis visitantes dá riqueza pero tamén formula novos retos, como o de dispoñer duns servizos básicos que saiban darlle cobertura á poboación, que durante o verán se incrementa considerabelmente con respecto ao resto do ano. Aí tamén estará a Deputación para cooperar, dentro das súas competencias, cos Concellos mariñaos.
Por tanto, deben tomarse moitas decisións que están interrelacionadas, e non poden adoptarse dun xeito aleatorio. As administracións e o sector privado deben seguir unha folla de ruta que estabeleza claramente as prioridades, tanto na Mariña como no resto de Lugo.
Ese é obxectivo do Plan Estratéxico que estamos a elaborar na Deputación, un documento que será básico para presentar proxectos viábeis que garantan o desenvolvemento económico e social desta provincia.